COMUNICADO | Condena do Deportivo Liceo ós insultos racistas recibidos en Voltregà polo xogador Fran Torres

COMUNICADO | Condena do Deportivo Liceo ós insultos racistas recibidos en Voltregà polo xogador Fran Torres

6 de decembro de 2023


O Deportivo Liceo condena os insultos racistas sufridos na pista do Voltregà polo noso xogador Fran Torres, así como os actos violentos que tamén viviu a totalidade da expedición.

No minuto 42 do partido, nun lance entre Torres e Aleix Molas Serra, o xogador local referiuse ó liceísta en termos que non poden ser admisibles no mundo do deporte. Coñecidos os feitos, o adestrador Juan Copa e o resto do corpo técnico, así como o plantel, tomaron a decisión inmediata de abandonar a pista.

Nese mesmo momento, parte da grada local realizou varios intentos de agresión ós integrantes da expedición visitante tal e como se pode apreciar nas imaxes ofrecidas pola retransmisión. Previamente, algúns aficionados do Voltregà lanzaron moedas co claro obxectivo de alcanzar ós nosos membros (recollido na acta arbitral).

Estes altercados e a sensación de inseguridade derivada da presenza de afeccionados rodeando a pista ante a ausencia de membros de seguridade (só un garda), confirmaron o desexo de abandonar a pista; solicitando para o regreso a presenza dos Mossos d’Esquadra. Unha vez que o Liceo comprobou a chegada das forzas de seguridade, o plantel decidiu continuar o encontro.

Os incidentes de hoxe non son un acto illado para o Deportivo Liceo. Durante o curso pasado, a expedición abandonou o recinto despois do lanzamento de botes de cervexa por parte de afeccionados que esperaron ós xogadores nas inmediacións do autobús. Por outra parte, entendemos que estes incidentes de ningún xeito deben ensombrecer o intachable legado dun club histórico como o Club Patí Voltregà.

O Liceo desexa tamén agradecer a actuación do corpo arbitral, que en todo momento se mostrou comprensivo coa nosa decisión de abandonar a pista e posteriormente regresar á mesma.

Ante os mencionados insultos racistas, o Deportivo Liceo apoia e apoiará en todo momento ó seu xogador Francisco Torres e estará ó seu lado ante calquera medida que queira levar a cabo.

O Deportivo Liceo lamenta profundamente o ocorrido e entende que nin o racismo nin a violencia teñen cabida tanto no deporte como na sociedade. Polo ben do hockey, desexamos con todas as nosas forzas que días como o de hoxe non se volvan a repetir.

Deixa un comentario