23 de marzo de 2025
Imaxe: MANU BOUTUREIRA.
O Deportivo Liceo sumou unha importante vitoria ante o Noia.
Jordi Bargalló, lenda do club, recibiu unha homenaxe antes do comezo do partido.
Mañá de emocións nun Riazor que viviu unha homenaxe e un triunfo de mérito. Este logrouse contra o sempre forte Noia, tres puntos clave para manter a segunda praza a tan só catro xornadas da finalización da Fase Regular (49 puntos fronte ós 42 do terceiro, o Reus). Todo nun día que serviu para renderlle a merecida homenaxe a Jordi Bargalló, lenda do Liceo e do hockey, que anunciou recentemente a súa retirada ó final do curso.
No que respecta á pista, con Pablo Cancela de volta na convocatoria, os locais viviron un inicio de partido realmente igualado. Era o lóxico tendo en conta a posición clasificatoria de cada equipo. Foron os de Carlos Cortijo (quintos) os que lograron adiantarse por primeira vez no marcador tras unha xogada desafortunada que ben puido rematar en gol liceísta. Unha ocasión clara dos verdibrancos quedou sen premio, mentres que o contraataque si tivo éxito. Finalizouno Toni Salvadó para o 0-1 parcial (minuto 8).



Gañas de responder non faltaron nos de Juan Copa, que tempo morto mediante sacaron a pista a un Jacobo Copa sempre enérxico. Protagonizou dúas oportunidades importantes antes de que, unha vez máis, mandara o acerto do Noia. No 12 anotou Iván Morales para o 0-2.
Gran reacción local
No se chegara aínda ó ecuador do primeiro acto. O Deportivo Liceo sabía isto e atacou con paciencia. Unha que tivo os seus froitos, posto que unha gran xogada entre Bruno Saavedra e Fabri Ciocale terminou co remate a gol do arxentino. Recortou distancias cunha volea de manual ó pase aéreo do número 13 (1-2).
O Noia colocouse con 0-2 a favor, pero os de Juan Copa remontarían
O empate tamén foi oficial tras outra combinación excelsa dos xogadores de Juan Copa. Entre Dava, Jaco e Xaus, con este último como autor definitivo, trenzaron un 2-2 de bela factura poucos minutos antes da finalización do primeiro tempo.
Xestión e sentenza
Faltaba a remontada. Non tardaría en consumarse. Ós seis minutos do segundo acto, un disparo potentísimo de Bruno Saavedra logrou bater a Blai Roca para poñer ó Liceo por diante por primeira vez no encontro. A partir de aí, o esperado: xestionar o resultado ante un rival de gran potencial que non deixou de tentalo ata o final.
Canto máis tempo pasaba, máis espazos deixaba o Noia. Aí si faltou acerto por parte dos verdibrancos, que non foron quen de transformar varias ocasións, incluíndo unha falta directa. Defensivamente, con todo, o partido dos de Copa foi excelente. O Noia acabou con cinco xogadores e, nese momento, un gran roubo deixou a Xaus só ante a portería e sen gardián. Foi o 4-2 definitivo.


FICHA TÉCNICA
DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Nil Cervera, Arnau Xaus, César Carballeira, Dava Torres (quinteto inicial), Jacobo Copa, Fabri Ciocale, Bruno Saavedra, Pablo Cancela e Martín Rodríguez (meta suplente).
NOIA: Blai Roca; Aleix Esteller, Toni Salvadó, Jordi Bargalló, Iván Morales (quinteto inicial), Xavi Costa, Xavi Aragonès, Martí Gabarró, Pau Andreu e Iker Jiménez (meta suplente).
ÁRBITROS: David Cantos e Alberto Pérez. Sein tarxetas.
GOLES: 0-1 (Toni Salvadó, min. 8). 0-2 (Iván Morales, min. 12). 1-2 (Fabri Ciocale, min. 17). 2-2 (Arnau Xaus, min. 22). 3-2 (Bruno Saavedra, min. 31). 4-2 (Arnau Xaus, min. 50).
INCIDENCIAS: Xornada 22 da OK Liga 24/25, Fase Regular. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).

