A acción non se detén para o filial masculino do Deportivo Liceo, que esta fin de semana xogará o seu sexto encontro da OK Prata. Será contra o Jolaseta (sábado 27, 19:30h) e cun obxectivo: non despegarse dos postos nobres do Grupo Norte. O partido disputarase no pavillón do Agra.
O conxunto dirixido por Stanis García protagonizou un excelente arranque de campionato, marcado polos seus doce puntos de quince posibles. Só a recente derrota ante o Compañía de María empañou o inicio perfecto do Liceo, que actualmente ocupa a terceira posición da táboa. Iso sí, cun partido menos que o primeiro e o segundo (cos que empata en puntaxe).
Un Jolaseta perigoso
O Jolaseta, pola súa parte, protagonizou un inicio irregular. Conta con sete unidades de quince posibles que lle colocan como o sétimo de doce equipos, aínda que visitará A Coruña despois de dobregar ó recén descendido Lloret (6-4). Toda unha declaración de intencións.
O enfrontamento clausurará os partidos do presente mes, deixando paso a un decembro marcado por tres máis antes do parón de Nadal. Serán fronte a Rochapea e Vendrell, seguidos por un derbi coruñés contra o Dominicos.