PREVIA WSE CHAMPIONS LEAGUE 23/24 (X5) | Viaxe a Barcelos pola honra

PREVIA WSE CHAMPIONS LEAGUE 23/24 (X5) | Viaxe a Barcelos pola honra

8 de febreiro de 2024


O Deportivo Liceo visitará terras lusas xa sen opcións de clasificación para a seguinte rolda.

A penúltima proba europea do Deportivo Liceo pasa por Barcelos. Alí, no Pavilhão Municipal, locais e verdibrancos disputarán este xoves (22:00h de España) a quinta xornada da Fase de Grupos de WSE Champions League. Será sen nada en xogo para os coruñeses, ademais da honra que supón vencer nun partido da máxima competición europea.

Este encontro estará dirixido polos árbitros italianos Filippo Fronte e Francesco Stallone. Como é habitual, todo aquel que o desexe poderá velo en directo e de balde grazas ó streaming de World Skate Europe.

Convocatoria de dez para visitar Barcelos

Para esta nova data, o técnico Juan Copa poderá dispoñer dos mesmos xogadores que completaron as convocatorias desde fai xa varias semanas. A única baixa continuará sendo a do coruñés Bruno Saavedra, no dique seco desde fai varios meses por unha lesión de escafoides. Afronta xa, sen embargo, as fases finais de recuperación.

Os dez homes que buscarán sumar de tres en Barcelos serán os seguintes:

  • Martí Serra | Porteiro, dorsal 10
  • Tiago Rodrigues | Porteiro, 33
  • Sito Ricart | 2 | 6 goles en OK Liga e 3 en Champions
  • Tomás Pereira | 4 | 4 goles en OK Liga e 1 en Champions
  • César Carballeira | 5 | 20 goles en OK Liga, máximo anotador do Liceo
  • Dava Torres | Capitán, 8 | 15 goles en OK Liga e 2 en Champions
  • Fabri Ciocale | 9 | 5 goles (OK Liga)
  • Fran Torres | 44 | 3 goles en OK Liga e 1 en Champions
  • Guido Pellizzari | 54
  • Pablo Cancela | 74 | 8 goles en OK Liga e 2 en Champions

Penúltima data sen opcións

Xa non quedan oportunidades para o Deportivo Liceo, matemáticamente eliminado da WSE Champions League. Nin sequera lle daría a clasificación unha dobre vitoria nas dúas xornadas restantes, xa que no mellor dos casos existiría un triple empate a 7 puntos con Barcelos e Forte cos verdibrancos como perxudicados.

No mellor dos casos, un triple empate entre Forte, Barcelos e Deportivo Liceo deixarían ós últimos sen clasificarse

Actualmente o Liceo pecha o Grupo A cun punto. Son tres menos que os italianos, seis menos que os portugueses e nove menos que o Barcelona. Precisamente o duelo de Riazor contra os culés finalizará esta participación continental.

A folla de ruta percorrida e por percorrer por parte do Deportivo Liceo é a seguinte:

  • XORNADA 1 | Barcelona vs. DEPORTIVO LICEO | 8-2
  • XORNADA 2 | DEPORTIVO LICEO vs. Barcelos | 2-4
  • XORNADA 3 | Forte dei Marmi vs. DEPORTIVO LICEO | 4-2
  • XORNADA 4 | DEPORTIVO LICEO vs. Forte dei Marmi | 3-3
  • XORNADA 5 | Barcelos vs. DEPORTIVO LICEO (8 de febreiro)
  • XORNADA 6 | DEPORTIVO LICEO vs. Barcelona (29 de febreiro)

Revancha ante un Barcelos potente

No seu Pavilhão esperará o Barcelos de Paulo Freitas, un dos equipos máis importantes da liga do país veciño. Ocupa actualmente a súa sexta posición, estando por detrás grandes trasatlánticos como o Porto, o Benfica ou o Sporting.

O conxunto luso xa logrou vencer na primeira volta co Pazo dos Deportes de Riazor como testemuña. Foi un 2-4 con Oliveira, Querido, Vieira e Rocha como os goleadores daquela segunda xornada. Nesta ocasión intentará replicar dito triunfo despois de tamén telo alcanzado na xornada máis recente do Campeonato Placard (2-6 ante o Turquel).

O plantel dirixido por Freitas é o seguinte, así como as súas estatísticas goleadoras:

  • Conti Acevedo | Porteiro, dorsal 1
  • Bruno ‘Joka’ Ferreira | Porteiro, 92
  • Santi Chambella | 5
  • Léo Savreux | 7 | 2 goles no Campeonato Placard
  • Danilo Rampulla | 10 | 15 goles no Campeonato e 2 en Champions
  • Daniel Oliveira ‘Poka’ | 18 | 8 goles no Campeonato e 1 en Champions
  • Luis Querido | 19 | 10 goles no Campeonato e 1 en Champions
  • Miguel Vieira ‘Vieirinha | 24 | 19 goles no Campeonato e 2 en Champions
  • Miguel Rocha | 44 | 21 goles no Campeonato e 2 en Champions
  • Álvaro Morais ‘Alvarinho’ | 74 | 21 goles no Campeonato

Deixa un comentario