PREVIA OK LIGA (X9) | Aumentar un bo rendemento

PREVIA OK LIGA (X9) | Aumentar un bo rendemento

Coa meta de darlle aínda mellor sabor á recente vitoria en Alcoi, o Deportivo Liceo de Juan Copa volverá ó Pazo dos Deportes para recibir a outro complicado rival: o Calafell (sábado 3, 17:30h). A novena xornada da OK Liga 22/23 deixará un gran duelo entre o segundo e o terceiro clasificado.

O mellor colocado na táboa suma 18 puntos, un máis có seu perseguidor. Este será un dos derradeiros compromisos do Liceo no ano natural 2022, xa que só restarán a visita a Igualada (día 6), a do Caldes a Riazor (día 10) e a viaxe a Vilafranca (día 17). Unha vez completados os partidos, o equipo non regresará ata o 7 de xaneiro.

Contra o gran rexistro do Calafell

O conxunto de Ferran López, responsable de 17 puntos, é unha das revelacións da presente competición. Cinco triunfos, dous empates e unha única derrota que aúpan ó cadro catalán ó mencionado terceiro posto. Chegará a Riazor, sen embargo, co obxectivo de arranxar unha xeira dunha unidade das últimas seis.

Os de Ferran López só cederon puntos en tres de oito datas

O gran xogador a seguir será Martí Casas, pichichi destacado do seu equipo e segundo máximo realizador de toda a OK Liga (14 goles). Entre os seus compañeiros tamén se atopa un vello coñecido do Deportivo Liceo: Sergi Miras.

Todo o plantel dispoñible

De novo, a gran nova para Juan Copa vai de efectivos. Tódolos xogadores liceístas estarán dispoñibles para este novo choque, aínda que o técnico se verá obrigado a realizar un descarte para completar a debida convocatoria de dez. Neste caso, Fran Torres será o elixido.

A lista estará formada por Martí Serra, Mati Bridge (porteiros), Sito Ricart, Bruno Di Benedetto, César Carballeira, Pol Manrubia, Dava Torres, Fabri Ciocale, Arnau Canal e Àlex Rodríguez.

Entradas a 5€ para público xeral

Coma sempre, a nosa casa é aínda máis dura se está chea de Liceístas. Así deberá estar nesta cita chave para seguir sumando de tres en tres e aproveitar a fortaleza do Pazo. Para iso, o Deportivo Liceo volverá a vender entradas a prezos inmellorables.

O público xeral terá de novo a posibilidade de asistir por nada menos que 5 euros. Poderá adquirir a súa entrada dixital a través deste enlace de Cluber. Unha vez no Pazo, o seu poseedor deberá ensinar o código QR da mesma para poder entrar.

Unha vez superado o pasado Día do Club, os socios e os abonados provintes do RC Deportivo entrarán ensinando as súas debidas credenciais

Por outra parte, os socios do Deportivo Liceo e os abonados provintes do Real Club Deportivo entrarán ensinando os seus carnets. Estes últimos poderán vivir un gran sábado de deporte local asistindo ó encontro de fútbol das 19:00h.

Para rematar, os nenos e nenas que cumpran calquera das seguintes condicións poderán asistir ó choque de xeito gratuito, tal e como vén ocorrendo co resto de partidos de OK Liga e obedecendo á nova política do club:

  • Ter 12 anos ou menos. En casos non tan evidentes, deberá acreditarse a idade mediante DNI.
  • Estudar no Colegio Liceo La Paz, sexa cal sexa a idade. Tan só deberán acudir ó Pazo coa roupa do centro.
  • Contar cunha ficha federativa de hockey sobre patíns que se deberá ensinar nas portas de entrada ó Pazo dos Deportes.

Deixa un comentario