Traballar en festivo é máis motivador se serve para volver á senda da vitoria. O Deportivo Liceo de Juan Copa pasará o Día da Constitución en Igualada, onde procurará sumar de tres e así esquecer a agria derrota do pasado sábado contra o Calafell (1-2).
Ese mal paso enviou ós verdibrancos ó quinto posto dentro dun sector da clasificación realmente parello, onde unha vitoria ou un tropezo poden ser vitais ou lastrantes. Son 18 puntos os sumados ata o de agora, só dous menos có segundo (Calafell) e un menos có Noia e o Reus (terceiro e cuarto). Polo tanto, regresar á vía correcta da viaxe no Pavillón de Les Comes auparía novamente ó Liceo a posicións de maior privilexio.
Xornada marcada pola traxedia
O Deportivo Liceo contará cunha única baixa para a visita a Igualada. Será a de Sito Ricart, desafortunadamente, por razóns persoais e con permiso do club.
O dorsal 2 liceísta acompañará estes días ós seus excompañeiros do Caldes tralo tráxico pasamento do xogador Alexandre Acsensi, ocorrido este 4 de decembro. Por outra parte, o Liceo trasladoulle ó club catalán a súa disposición para adiar o partido do vindeiro sábado día 10.
No puramente deportivo, Fran Torres entrará nunha lista completada por Martí Serra, Mati Bridge, Bruno Di Benedetto, César Carballeira, Pol Manrubia, Dava Torres, Fabri Ciocale, Arnau Canal e Àlex Rodríguez.
Contra o forte Les Comes
A casa do Igualada é unha das súas mellores virtudes. Así o demostran os resultados da presente tempada: catro vitorias e un empate en cinco partidos. O conxunto dirixido por Xavi García utilizará esa baza para intentar recuperarse do duro golpe sufrido en Noia a pasada fin de semana (8-1).
Loitará polos puntos un equipo solidario ata no reparto de goles. Lidera o rexistro do Igualada o novo Gerard Riba con oito dianas, aínda que anotaron ata nove dos seus xogadores.