PREVIA OK LIGA (X21) | Proba en Alcoi

PREVIA OK LIGA (X21) | Proba en Alcoi

Imaxe: HOCKEY GLOBAL.

Coa euforia da vitoria ante o Barça xa no pasado, o Deportivo Liceo deberá afrontar un compromiso difícil. Xogará co PAS Alcoi, unha das sorpresas da OK Liga (sábado 12, 19:00h), co obxectivo de acurtar todavía máis a distancia co primeiro.

O conxunto de Juan Copa ocupa actualmente o segundo posto, aínda que esta vez a cinco puntos dos culés. Suma un total de 50 tras vencer en 16 dos 20 partidos disputados ata o momento, un rexistro a todas luces excelente. Aínda así, en Alcoi tocará loitar contra un rival sólido.

Sen Jordi Adroher

O técnico non poderá contar con Jordi Adroher por unha dolencia nun pulso, tal e como ocurreu na pasada xornada.

Si estará dispoñible o resto do plantel responsable de vencer ó Barcelona: Carles Grau, Martín Garaboa, César Carballeira, Dava Torres, Marc Grau, Jordi Burgaya, Maxi Oruste, Àlex Rodríguez e Roberto Di Benedetto.

Un Alcoi sorprendente

Fronte ó Deportivo Liceo estará o PAS Alcoi, un rival duro que xa provocou máis dun susto ós colosos da OK Liga. Sen ir máis lonxe, foi o primeiro conxunto capaz de roubarlle puntos ó Barça. Juan Copa é plenamente conscente do perigo deste compromiso: “Xogaremos nunha pista difícil conta, seguramente, o equipo sorpresa da tempada”.

Imaxe: HOCKEY GLOBAL.

Os seus números son excelentes para un recén ascendido. O Alcoi é o actual sétimo clasificado con 26 puntos, sete vitorias, cinco empates e oito derrotas. Recibirá ó Liceo con dous triunfos recentes ás súas costas contra Palafrugell e Caldes, este último no seu complicado feudo.

Dous dos responsables deste rendemento, ademáis do técnico Lorenzo Pastor, son os seus goleadores principais: Gonzalo Pérez (21 dianas) e Ferran Formatje (19). Xogará a favor dos verdibrancos, iso si, a vitoria conseguida no choque da primeira volta (7-3 no Pazo dos Deportes).

Deixa un comentario