PREVIA OK LIGA 20/21 (X30) | Despedida

PREVIA OK LIGA 20/21 (X30) | Despedida

Imaxe: HOCKEY GLOBAL (Mónica Arcay).

Chega á súa fin unha edición da OK Liga tan estrana como disputada, co Deportivo Liceo como responsable principal do segundo. O equipo coruñés pechará a competición doméstica coa súa visita ó Pavelló Bell-lloc de Lleida (sábado 29, 20:00h, OKLIGA.TV) e tras ter opcións de título ata a penúltima xornada.

Nun ano cheo de obstáculos, máis dos xa habituais, Juan Copa e os seus xogadores lograron poñerse a tiro da mellor puntuación histórica da entidade. Actualmente suman 76 unidades no seu segundo posto, xa inamovíbel, así que todo o que non sexa unha derrota en Cataluña significaría outro record. Sería o segundo do curso, tras establecer unha racha memorable de doce triunfos consecutivos de setembro a decembro.

Aínda así, o encontro contra o CE Lleida non será o último da tempada. Resta a agardada Copa do Rei co propio Liceo como anfitrión, e que comezará para os verdibrancos o xoves 10 de xuño ás 20:45h. O rival dos cuartos de final será o CP Voltregà.

Baixa de Franco Platero

Para o técnico do Deportivo Liceo, o camiño tomado ata agora é motivo de orgullo: “Levamos ó límite ó Barcelona. Hai que estar contentos coa tempada que fixemos. Evidentemente desexábamos unha segunda volta como a primeira, pero pouco máis hai que dicirlle ó equipo. Estou moi orgulloso do traballo dos xogadores”, comentou Juan Copa en HOCKEY GLOBAL.

Un deles, Franco Platero, non poderá formar parte dunha expedición que terá a nove integrantes. A Lleida viaxarán Carles Grau, Martín Garaboa, César Carballeira, Dava Torres, Roberto Di Benedetto, Fabri Ciocale, Marc Grau, Maxi Oruste e Jordi Adroher.

Visita ó quinto clasificado

O Lleida de Albert Folguera amosou ser un equipo productivo e perigoso. Nada estará en xogo para eles ademáis da honra, posto que a súa quinta posición xa é un feito matemático, pero se algo acadou durante o ano foi poñer en problemas serios ó resto de potencias da competición. Venceu na pista do Reus (3-5), mentres que tanto Liceo (2-1 no Pazo) como Barcelona (4-5 no Bell-lloc) tiveron que dalo todo para saír cos tres puntos.

O conxunto catalán suma 51 puntos nos 29 partidos disputados ata agora, con 15 vitorias, 6 empates e 8 derrotas. É o equipo que menos goles marca da zona noble (93), pero o dato queda compensado co feito de que é a terceira mellor defensa de toda a OK Liga (75 goles en contra) despois de Barça e Liceo.

En canto a nomes propios, destaca un en concreto: o de Bruno Di Benedetto, un exliceísta que logrou 15 goles ata o momento. É o cuarto máximo anotador do seu equipo detrás de Josep Selva (19), Andreu Tomàs (20) e Oriol Vives (22).

Deixa un comentario