Imaxe: HOCKEY GLOBAL (Mónica Arcay).
Toca facer deberes pendentes. Non é algo novo para o Deportivo Liceo, que froito destes complicados tempos sanitarios xa tivo que afrontar maratóns de partidos no seu día aprazados. Agora chega o que debería ser o último, con dous encontros en Cataluña ante o CE Vendrell (xoves 29, 20:00h) e o Palafrugell (sábado 1, 20:00h). Ambos serán retransmitidos por OKLIGA.TV tanto na súa páxina web como na súa canle de YouTube.
Unha vez superados, os verdibrancos xa estarán ó día con respecto ó seu rival polo título: o Barcelona, que con dous partidos de vantaxe continúa sete puntos por enriba. Conta cun total de 74. Preséntase unha oportunidade para xerar presión.
En caso de completar esta intensa viaxe con pleno de vitorias, o Liceo (67 puntos) colocaríase a tan só un a falta de tres xornadas para o final da OK Liga. Porque iso é o que quedará. A Juan Copa e os seus xogadores agardaranlles, ademáis, tres duelos realmente complicados ante Caldes (fóra), Reus Deportiu (local) e Lleida (fóra). A pesar diso, a loita será innegociable.
Con confianza
Precisamente, os últimos tres compromisos do Deportivo Liceo tamén foron obstáculos importantes. Foi quen de transformalos todos en triunfos. O máis recente, por 3-1 ante un rocoso e complicado Calafell, fai que a expedición viaxe a Cataluña coa maior das confianzas nun tramo decisivo: “Estamos nun punto no que todo son finales. Estas dúas son complicadas, ante equipos que se xogan moito. Traballaremos cousas que temos que mellorar, pero máis aló diso o que hai que facer é gañar e volver o domingo cos seis puntos”, declarou Juan Copa a HOCKEY GLOBAL.
Formarán parte da expedición tódolos xogadores dispoñibles do primeiro plantel: Carles Grau, Martín Garaboa, César Carballeira, Franco Platero, Roberto Di Benedetto, Dava Torres, Marc Grau, Maxi Oruste, Fabri Ciocale e Jordi Adroher.
Contra a loita do Vendrell
Non é a tempada máis exitosa do CE Vendrell, actualmente dirixido por Xavi Ferrer despois da destitución de Lluís Delriu. O cadro catalán é o actual 12º clasificado da OK Liga, polo que ocupa o último posto da promoción de descenso. Disputou 25 partidos cun rexistro de seis vitorias, sete empates, doce derrotas, 68 goles a favor e 90 en contra.
Nesta nova cita pola permanencia, recibirá ó Liceo co alento do seu público. O club catalán poderá contar cun máximo de 384 gargantas nas gradas do Pavelló Municipal de Vendrell.
En canto a nomes, conta cun coñecido do hockey coruñés: Pablo del Río, cedido polo Reus no mercado de inverno. Nada máis chegar, alzouse como un dos xogadores máis importantes do equipo. Anotou catorce goles, dous deles na vitoria que colleitou o Vendrell na última xornada (3-2 ó Girona). Sen dúbida, un xogador a ter en conta.
No duelo da primeira volta, celebrado no Pazo dos Deportes, o Liceo venceu tras lograr un contundente 5-0.