CRÓNICA | Fabri rompe o muro de Edo (3-1)

CRÓNICA | Fabri rompe o muro de Edo (3-1)

Imaxe: HOCKEY GLOBAL (Mónica Arcay).

Sétimo triunfo consecutivo do Deportivo Liceo. Este, con gran dificultade. A visita do CP Calafell trocou nun obstáculo realmente complicado solventado non sen problemas, pero os tres puntos sumáronse ós xa logrados para completar un total de 67. Gran parte do seu mérito, para un moi bo Fabri Ciocale que anotou dous tantos. Son catro unidades menos con respecto ós 71 do líder, o Barcelona, que trala finalización do partido todavía conta cun disputado máis.

Coa novidade do xogador arxentino, que comezou de inicio, o Liceo amosou máis potencial desde o principio. Non foi suficiente, aínda así, para neutralizar do partido ó seu rival. O conxunto de Pere Varias gozou de dúas oportunidades importantes, unha desviada e outra detida por Carles Grau, aínda que os que máis rozaron o gol foron os locais. O meta Xano Edo comezou a súa exhibición ó deter unha falta directa de Jordi Adroher para que, posteriormente, Eloi Mitjans adiantara ó Calafell no marcador (minuto 10). De momento, malas novas.

Juan Copa e os seus xogadores reaccionaron. Tomaron o control ofensivo do encontro de forma case definitiva, pero o bo bloque defensivo visitante e as paradas de Edo mantiveron o 0-1. O ritmo creceu e transformou a acción nunha especie de caos, co meta do Calafell convertido nunha muralla. Tras múltiples intentos, Fabri Ciocale logrou empatar a falta de pouco máis dun minuto para o entretempo.

Unha muralla chamada Edo

Foi o protagonista do partido. O porteiro do cadro catalán foi un pesadelo para o Deportivo Liceo durante a totalidade do choque polas súas brillantes intervencións, pero o gol urxía. Tras aproximadamente dez minutos de achegamentos, Dava Torres -autor dunha falta directa neutralizada pouco antes- foi quen de encadear un remate que por fin superou ó meta. 2-1 con 14 minutos restantes no marcador. O 3-1 definitivo, logrado moi pouco despois, tamén foi de Fabri Ciocale tras materializar un man a man.

De forma sufrida, pero o perigo foi contido. Os minutos finais continuaron sendo propiedade verdibranca, con numerosas chances para un 4-1 que non chegou. Así, os 300 afeccionados que puido albergar o Pazo dos Deportes gozaron dunha vitoria tan importante como traballada.

Unha vez colleitados estes tres complicados puntos, ó Deportivo Liceo agárdalle unha semana intensa. En cuestión de sete días disputará os seus dous partidos pendentes da OK Liga en Vendrell (xoves 29, 20:00h) e Palafrugell (sábado 1, 20:00h).

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Carles Grau, Franco Platero, Roberto Di Benedetto, Fabri Ciocale, Maxi Oruste (quinteto inicial), César Carballeira, Jordi Adroher, Marc Grau e Dava Torres.

CP CALAFELL: Xano Edo, Arnau Xaus, Oriol Palau, Eloi Mitjans, Martí Gabarró (quinteto inicial), Sergi Torné, Sergi Romeu, Guido Pellizzari e Borja Espinosa.

ÁRBITROS: Fernández García e Barba Gómez-Álvarez. Amosaron cartón azul ó visitante Arnau Xaus.

GOLES: 0-1 (Eloi Mitjans, min. 10). 1-1 (Fabri Ciocale, min. 23). 2-1 (Dava Torres, min. 37). 3-1 (Fabri Ciocale, min. 38).

INCIDENCIAS: Partido correspondente á xornada 27 da OK Liga 20/21. Pazo dos Deportes de Riazor, 300 espectadores.

Deixa un comentario