Fin de semana de dous partidos na OK Bronce

Fin de semana de dous partidos na OK Bronce

Imaxe: HOCKEY GLOBAL.

A vida do filial liceísta na OK Bronce caracterízase pola abundancia ou a escasez. Neste caso toca outra vez a primeira, xa que o Grupo Norte deixará esta fin de semana un total de dous partidos en dous días.

Serán contra Urdaneta, último con catro puntos (sábado 6, 12:00h, Agra I) e Patinalon, antepenúltimo con 20 (domingo 7, 12:30h, Municipal da Felguera de Langreo). A orde das xornadas será inversa, xa que a do sábado corresponderá á data 24 e a do domingo á 23.

O Deportivo Liceo xogará contra Urdaneta (sábado) e Patinalon (domingo)

Serán o quinto e o sexto partido dos rapaces de Sergio Huelves en cuestión de dous meses, repartidos de xeito pouco habitual. Os pasados 11 e 12 de marzo tamén afrontaron un maratón de hockey: vitoria ante Areces (5-4) e derrota contra Lubiáns (6-5).

Desde aquel momento, os tres descansos por xornada que se asignan no grupo provocaron a celebración de só dous máis contra Ordes (25 de marzo) e Telecable (22 de abril).

En busca de escalar na clasificación

Debido a esta circunstancia, o Deportivo Liceo é o conxunto do Grupo Norte con menos partidos disputados. Son agora mesmo un total de 16 e 25 puntos colleitados que colocan ó filial nunha ficticia sétima posición. Unha soa vitoria máis auparía ó equipo ó cuarto posto. Os que o superan contan con 17, 18 ou mesmo 19 probas.

A clasificación completa da OK Bronce pódese consultar na web da RFEP.

Final de competición

Unha vez superados ambos choques, o Deportivo Liceo xogará dous máis antes de que termine este Grupo Norte. O primeiro corresponderá á xornada 25 e levará ós verdiblancos á pista do Raxoi (13 de maio, 18:00h), mentres que no último recibirán en A Coruña ao UDC Rochapea (20 de maio, 20:00h).

Deixa un comentario