4 de maio de 2025
Jacobo Copa foi autor dun dobrete. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.
O Liceo de Juan Copa despídese do mellor xeito desta Fase Regular tras vencer ó Voltregà.
O rival dos Cuartos de Final dos playoffs será o Lleida, ó mellor de tres encontros.
A Fase Regular da OK Liga despediuse ó grande desde o punto de vista do Deportivo Liceo, que axustizou ó Voltregà na súa última xornada. Tras 26 encontros, os de Juan Copa terminan segundos para enfrontarse en Cuartos de Final ó Lleida: unha eliminatoria que comezará en Riazor o vindeiro sábado 17 de maio e que se determinará ó mellor de tres choques (Liceo con factor pista).
Sen nada en xogo para ambos neste, pero cunha intensidade que daba a entender todo o contrario, a primeira gran oportunidade foi para os locais. Ocorreu mediante Ferruccio, que se atopou absolutamente solo ante o meta Codony. Un duelo no que o xogador do Voltregà foi vitorioso, premio incluso maior cando pouco despois anotou o exliceísta Àlex Rodríguez para poñer o triunfo parcial nas filas branquiazuis (0-1, minuto 7).
Remontada con sabor coruñés
Cun Martín Rodríguez que completou un gran partido a pesar dese gol encaixado, o Deportivo Liceo reaccionou como mellor sabe. Aumentou todavía máis a súa ambición e acabou igualando grazas a Jacobo Copa. Foi o máis listo dentro dunha xogada embarullada dentro da área visitante. Un tanto de acento coruñés que precedería a outro.



Apareceu Pablo Cancela, hábil para atopar o seu segundo gol dentro dun curso accidentado. O 74 superou a Codony e colocou ós seus por diante no marcador por primeira vez en todo o que iba de partido. Ese 2-1 parcial foi o que acabaría campando no marcador unha vez oficializado o descanso.
Achegamento do Voltregà sen resultado
Os goles herculinos non pararon. A Pablo e a Jaco sumouse Dava en, literalmente, a primeira xogada da segunda parte. Ese 3-1 deu entón paso ó que rompeu a estadística xeográfica, un 4-1 que esta vez foi obra do Tato Ferruccio. A distancia xa era considerable a falta de 13 minutos para o final da xornada, aínda que Àlex Rodríguez todavía tiña cousas que dicir.
O xa oficialmente pichichi da OK Liga deu un golpe forte na mesa, pero finalmente insuficiente. Completou o seu hat trick particular nun tramo de tres minutos, entre o 42 e o 45. Marcador con 4-3 e todavía tempo suficiente para calquera cousa. Afortunadamente para os intereses liceístas, o que ocorreu foi o dobrete de Jacobo Copa a falta dun minuto para a bocina. 5-3 final e mente xa no playoff.


FICHA TÉCNICA
DEPORTIVO LICEO: Martín Rodríguez; Nil Cervera, César Carballeira, Dava Torres, Tato Ferruccio (quinteto inicial), Arnau Xaus, Jacobo Copa, Fabri Ciocale, Pablo Cancela e Martí Serra (meta suplente).
VOLTREGÀ: Oriol Codony; Jordi Burgaya, Gerard Teixidó, Àlex Rodríguez, Arnau Canal (quinteto inicial), Èric Vargas, Xavi Armengol, Aleix Molas, Humbert Serra e Miki Estrada (meta suplente).
ÁRBITROS: Jonathan Sánchez García e Luis Mier Sánchez. Sen tarxetas.
GOLES: 0-1 (Àlex Rodríguez, min. 7). 1-1 (Jacobo Copa, min. 15). 2-1 (Pablo Cancela, min. 18). 3-1 (Dava Torres, min. 26). 4-1 (Tato Ferruccio, min. 37). 4-2 (Àlex Rodríguez, min. 43). 4-3 (Àlex Rodríguez, min. 45). 5-3 (Jacobo Copa, min. 49).
INCIDENCIAS: Xornada 26 da OK Liga 24/25, última da Fase Regular. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).

