CRÓNICA | A semifinais con solidez e brillantez (6-0)

CRÓNICA | A semifinais con solidez e brillantez (6-0)

Jordi Adroher celebra o gol que estreou o marcador. Imaxe: MÓNICA ARCAY.

Dominio desde o minuto un e ata o cincuenta. O Deportivo Liceo de Juan Copa ofreceu unha exhibición de hockey en tódolos aspectos e venceu con contundencia ó Noia Freixenet para converterse no primeiro semifinalista da Golden Cup. Todo iso ante un milleiro de afeccionados verdibrancos que poderán ver a loita pola final o vindeiro sábado ás 13:00h.

Tanto en ataque como en defensa, o conxunto verdibranco impuxo o seu potencial. Fíxoo desde o principio. Tamén brillaron as actuacións individuais, inauguradas con outro gol dun Adroher en estado de graza (minuto 4). Axenciouse da bóla e, nunha xogada persoal de enorme factura, superou a Blai Roca.

Maxi Oruste estreouse como goleador na Golden Cup tras unha gran xogada persoal. Imaxe: MÓNICA ARCAY.

O Liceo controlaba a acción mentres ampliaba a importancia do marcador. Roberto Di Benedetto anotou o 2-0 e ameazou aínda máis as ideas do Noia, que non creou dano con bos xogadores como Eloi Mitjans, Roc Pujadas ou o exliceísta Jordi Bargalló.

Logrouno Maxi Oruste, protagonista da súa primeira diana na Golden Cup tras unha xogada moi similar á do 1-0. Dava Torres, a pase do Mago, finiquitou o 4-0 parcial que chegou ó descanso.

Un Noia anulado

Carles Grau tampouco faltou á exhibición con paradas de tódolos tipos, tanto en bóla parada como xogada. Os 25 minutos finais non foron máis que unha continuación do visto nos iniciais, co conxunto de Juan Copa como dominador ofensivo e defensivo.

A superioridade do Liceo durou a totalidade do encontro

César Carballeira e Jordi Burgaya encargáronse de redondear o encontro co 6-0 definitivo, para ledicia dos presentes. Unha vez logrado o ansiado pase, tocará un día de descanso ata a disputa das semifinais ante Barcelona ou Benfica (sábado, 13:00h).

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Carles Grau; César Carballeira, Dava Torres, Roberto Di Benedetto, Jordi Adroher (quinteto inicial), Maxi Oruste, Marc Grau, Jordi Burgaya, Àlex Rodríguez e Martín Garaboa (meta suplente).

NOIA: Blai Roca; Jordi Bargalló, Roc Pujadas, Aleix Esteller, Toni Salvadó (quinteto inicial), Xavi Costa, Eloi Mitjans, Alex Joseph, Adrià Ballart e Xus Fernández (meta suplente).

ÁRBITROS: Silvia Coelho e Pedro Figueiredo. Mostraron cartón azul ó visitante Aleix Esteller.

GOLES: 1-0 (Jordi Adroher, min. 4). 2-0 (Roberto Di Benedetto, min. 11). 3-0 (Maxi Oruste, min. 20). 4-0 (Dava Torres, min. 22). 5-0 (César Carballeira, min. 30). 6-0 (Jordi Burgaya, min. 42).

Cuartos de Final da Golden Cup 2022. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).

Deixa un comentario