1 de maio de 2026
O Liceo empata ante o Alcoi e asegura xogar o playoff desde o máis alto da Fase Regular.
Final feliz para un Liceo, agora si, líder. Non gañou na visita do Alcoi a Riazor, pero o punto colleitado serve para asegurar unha valiosísima primeira praza previa á disputa do playoff polo título. Fase Regular de 60 puntos e mente posta na fase definitiva do curso, que disputará con factor pista en tódalas rondas.
Quen colleu o protagonismo do partido foi igualmente o conxunto de Juan Copa, que xa avisou cun disparo ó pau de Toni Pérez e un gol anulado de Fran Torres por altura. Foi precisamente Tombita quen estreou o marcador ós 16 minutos, hábil para rematar un pase da morte desde o costado dereito. Lamentablemente, o visitante Ceschin igualouno antes do descanso.
Toma e daca con varias directas
Foi o mesmo home do Alcoi quen aproveitou a décima infracción do Liceo para remontar de forma parcial (1-2), xa na segunda metade. Non durou nada. Bruno Saavedra, cun potente remate cercano á meta de Marc Grau, devolveu as táboas.
Iago Vázquez empatou para o Alcoi a falta dun minuto, pero non sacou ó Liceo da primeira praza.
O Alcoi non dixera a súa última palabra cando Gonzalo Pérez, irmán do liceísta Toni, marcou o 2-3 mentres caía. Tivo que aparecer entón Arnau Xaus, autor dun dobrete para establecer o 4-3. Esa vitoria parcial durou ata o minuto 49, cando empatou o visitante Iago Vázquez estando o Alcoi con cinco, pero o punto tamén servía para lograr o obxectivo. Bocina e éxito consumado.
FICHA TÉCNICA
LICEO: Blai Roca; Arnau Xaus, Dava Torres, Nuno Paiva, Toni Pérez (quinteto inicial), Nil Cervera, Jacobo Copa, Bruno Saavedra, Fran Torres e Martín Rodríguez (meta suplente).
PAS ALCOI: Marc Grau; Joan Pascual, Gonzalo Pérez, Manel Hernández, Franco Ceschin (quinteto inicial), Álvaro Hernández, Iago Vázquez, Agustín Domínguez, Biel Autet e Joan Oltra (meta suplente).
ÁRBITROS: Albert Barba e Joel García. Mostraron tarxeta amarela a Gonzalo Pérez por parte do Alcoi.
GOLES: 1-0 (Fran Torres, min. 16). 1-1 (Francos Ceschin, min. 21). 1-2 (Franco Ceschin, min. 29). 2-2 (Bruno Saavedra, min. 30). 2-3 (Gonzalo Pérez, min. 31). 3-3 (Arnau Xaus, min. 32). 4-3 (Arnau Xaus, min. 34). 4-4 (Iago Vázquez, min. 49).
RECINTO E INCIDENCIAS: OK Liga 25/26, Xornada 26 da Fase Regular. Pazo dos Deportes de Riazor.

