CRÓNICA | Derrota ante o Sporting (2-5)

CRÓNICA | Derrota ante o Sporting (2-5)

A dobre presentación do Liceo, comezada coa vitoria do Feminino, non rematou co mellor sabor de boca. O conxunto de Juan Copa caeu ante o Sporting CP tras un partido igualado co acerto como único factor diferencial.

Tal e como ocorreu na edición feminina da presentación, o equipo luso logrou adiantarse nos minutos iniciais. Fíxoo Ferran Font de penalti. Os locais, vestidos coa nova segunda equipación en honor ó 50º Aniversario do club, non acusaron nin un amago de aturdimento.

Protagonizaron un catálogo amplo de ocasións para empatar o partido, sendo a máis clara unha de César Carballeira. O coruñés rematou ben o pase da morte de Marc Grau antes de que Ângelo Girão, imperial, aparecera da nada para impedir o gol. O meta do Sporting de Paulo Freitas tamén denegou o empate de Jordi Adroher cando o catalán probou de falta directa.

Tamén estivo á altura o seu homólogo Carles Grau, que evitou o 0-2 con varias intervencións de mérito. Finalmente, o único gol de Font campou ó chegar o descanso.

Ante un muro

Trala reanudación, foron de novo tres os minutos que pasaron para ver outro tanto. O seu responsable tamén foi o Sporting de Portugal, gozoso dun 0-2 obra de Gonzalo Romero (falta directa). O seu porteiro, mentres tanto, continuaba a súa exhibición persoal ó deter todas e cada unha das numerosas bólas locais.

Polo menos así foi ata que Marc Grau logrou converter o 1-3. A falta de dez minutos, o atacante catalán superou cunha finta a Girão para recurtar distancias a porta vacía. O empuxe liceísta aumentou ata que Gonzalo Romero, noutra falta directa, venceu a Martín Garaboa (no posto durante os derradeiros dez minutos de partido). Segundos despois, Ferran Font anotou o 1-5.

Os muchachos de Juan Copa non tiraron a toalla, pero o tempo xogou na súa contra. Conseguiron, polo menos, anotar o 2-5 despois de que o rexeite dun penalti de César Carballeira fora convertido por el mesmo.

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Carles Grau; César Carballeira, Jordi Adroher, Marc Grau, Roberto Di Benedetto (quinteto inicial), Rubén Martín, Jordi Burgaya, Àlex Rodríguez, Fran Torres e Martín Garaboa.

SPORTING CP: Ângelo Girão; Toni Pérez, Matías Platero, Gonzalo Romero, Ferran Font (quinteto inicial), João Almeida, Gonçalo Nunes, Zé Diogo, Alessandro Verona, João Souto e Henrique Magalhães.

ÁRBITROS: Daniel Villar e Francisco José Martínez. Amosaron cartón azul ós locais Fran Torres e Àlex Rodríguez. Por parte visitante viuno Ferran Font.

GOLES: 0-1 (Ferran Font, min. 3). 0-2 (Gonzalo Romero, min. 28). 0-3 (Alessandro Verona, min. 37). 1-3 (Marc Grau, min. 40). 1-4 (Gonzalo Romero, min. 42). 1-5 (Ferran Font, min. 43). 2-5 (César Carballeira, min. 45).

INCIDENCIAS: Partido de presentación do Deportivo Liceo 21/22 (edición masculina). Pazo dos Deportes de Riazor.

Deixa un comentario