Antón Boedo: “Estamos empezando un ciclo gañador”

Antón Boedo: “Estamos empezando un ciclo gañador”

11 de marzo de 2024


O Director Deportivo do Liceo falou co diario La Opinión para tratar a situación do equipo.

Antón Boedo, Director Deportivo do Liceo, atendeu este luns ó xornal La Opinión de A Coruña para falar sobre a situación do equipo verdibranco. Na entrevista coa xornalista María Varela, Boedo apuntou unha mensaxe moi clara: a ambición do actual proxecto do club.

Nese plan está e estará a figura de Juan Copa: “Está claro que o noso proxecto neste ciclo gañador que estamos comezando non se entende sen Juan. Obxectivamente é un dos mellores adestradores do mundo e subxectivamente é o mellor para o Liceo. Non o cambio por ninguén”. Algo que tampouco fai o Director Deportivo coas figuras de Dava Torres e César Carballeira, renovados recentemente ata o ano 2027: “Son a pedra angular. Non cambio nin a César nin a Dava por ningún xogador de ningún equipo, son top a nivel mundial e os mellores que podemos ter”.

“Dava Torres e César Carballeira son a pedra angular deste ciclo gañador que estamos empezando”

Asegura Antón Boedo en La Opinión que o comezo deste ciclo gañador xa colocou as bases para o futuro: “Fixemos apostas por xente nova na que temos moitas esperanzas. Creo que Bruno Saavedra é o mellor xogador da súa xeración a nivel mundial. Ten que medrar, como Tombita (tamén renovado nas últimas datas). Tamén ten que medrar a xente nova que vai vir e todo isto ten un proceso”.

“Fixéronse apostas por xente nova na que temos moitas esperanzas”

Un proceso que se coida e coidará: “Os xogadores do primeiro equipo están ben atendidos e estamos a xerar estrutura a tódolos niveis. É un proxecto mínimo a catro anos. Estamos no cero e aínda faltan o un, o dous e o tres”. Da man de Juan Copa e de todo o corpo técnico, ademais do resto do club, o Liceo xera desde xa os cimentos dunha nova etapa.

Podes ler a entrevista completa de La Opinión neste enlace.

Deixa un comentario