CRÓNICA WSE CHAMPIONS LEAGUE (X6) | Derrota en Lisboa (5-1)

CRÓNICA WSE CHAMPIONS LEAGUE (X6) | Derrota en Lisboa (5-1)

16 de xaneiro de 2025


O Deportivo Liceo cae ante o Benfica na sexta data da Fase de Grupos.

O Benfica fixo valer o seu potencial e a súa condición de local para superar ó Deportivo Liceo. Unha derrota no Pavilhão Fidelidade que se fraguou, sobre todo, na segunda metade e que mantén ós verdibrancos na cuarta posición do Grupo B con seis puntos sumados.

Se algo estaba claro é que o resultado do partido anterior non se ía repetir. Pasou un minuto ata que se oficializou. Desafortunadamente, nunha circunstancia a favor dos locais, posto que o exliceísta Roberto Di Benedetto foi quen de abrir o marcador. O peor comezo nun dos escenarios máis complicados posibles.

Aínda quedaban 49 minutos de xogo, polo que renderse non era unha opción. Esa premisa plasmouse nas cabezas de Juan Copa e os seus, que sen temor foron a pola portería protexida por Pedro Henriques. Primeiro avisou Bruno Saavedra por partida dobre: dous disparos potentes, un desviado polo portugués e outro que non atopou os tres paus. Ía ser un preludio.

Empate de Bruno

A ocasión máis importante veu tras unha tarxeta azul vista por Lucas Ordóñez. Arnau Xaus dirixiuse ó punto da directa para tratar de superar a Henriques, pero o gardián do Benfica mantívose firme. Tamén o resto do equipo, que sobreviviu á inferioridade numérica.

O Liceo completou unha gran primeira parte, aínda que o Benfica dominou a segunda

Sen embargo, a terceira de Bruno foi a vencida. A pase de César, o dorsal 13 conectou un remate non demasiado ortodoxo pero que terminou por despistar a un defensor e ó propio Henriques. A bóla acabou dentro para que o descanso chegara con empate a un tanto, tras unha primeira metade realmente boa dos de Copa.

Un Benfica superior en la segunda mitad

O paso do tempo favoreceu ó físico e á rotación do Benfica. Iso faríase notar no marcador. Foi Rodrigues quen lle devolveu a vantaxe ós portugueses cun disparo raso ó pau curto de Serra, e mesmo rozou o dobrete de non ser porque o porteiro liceísta lle detivo un penalti.

Máis acertado estivo Lucas Ordóñez, outro ex dos coruñeses, cando anotou o 3-1 no minuto 37. Un duro golpe para os hoxe visitantes. O capitán Diogo Rafael e Pau Bargalló completarían unha segunda metade de clara superioridade lusa (5-1). Final e mente posta no próximo obxectivo dos de Juan Copa: a visita ó Alcoi (OK Liga, sábado ás 19:30h). A WSE Champions League regresará o 30 de xaneiro coa visita do Valongo a Riazor.

FICHA TÉCNICA

BENFICA: Pedro Henriques; Pau Bargalló, Nil Roca, Roberto Di Benedetto, João Rodrigues (quinteto inicial), Zé Miranda, Diogo Rafael, Lucas Ordóñez, Gonçalo Pinto e Bernardo Mendes (meta suplente).

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Nil Cervera, César Carballeira, Dava Torres, Bruno Saavedra (quinteto inicial), Arnau Xaus, Jacobo Copa, Fabri Ciocale e Martín Rodríguez (meta suplente).

ÁRBITROS: Francesco Stallone e Marco Rondina (Italia). Mostraron tarxeta azul ó local Lucas Ordóñez.

GOLES: 1-0 (Roberto Di Benedetto, min. 1). 1-1 (Bruno Saavedra, min. 21). 2-1 (João Rodrigues, min. 30). 3-1 (Lucas Ordóñez, min. 37). 4-1 (Diogo Rafael, min. 45). 5-1 (Pau Bargalló, min. 46).

INCIDENCIAS: Xornada 6 da WSE Champions League 24/25, Fase de Grupos. Pavilhão Fidelidade (Lisboa).

Deixa un comentario