Fotografía de Kiko Lareo.

Liceo e Barça enfrontaranse no Palacio este domingo día 8 ás 12:30h.

O primeiro encontro de lume real do Palacio dos Deportes de Riazor será todo un Clásico da OK Liga. Hockey Club Liceo e Barça Hoquei protagonizarán este domingo (12:30h) o que sen dúbida será o gran partido da segunda xornada, un que estará arbitrado por Alberto Pérez e Iñigo López-Leitón.

Ademais de ser o primeiro duelo oficial como local deste curso 26/27 e de atoparse de novo coa afección verdibranca, o Liceo de Juan Copa terá este domingo a oportunidade de redirixir o voo despois da derrota sufrida na pista do Caldes por 3-1.

Baixa de Bruno Saavedra

No que a convocatoria se refire, o técnico coruñés deberá afrontar a baixa do xogador santiagués; que sufriu un forte golpe no partido inaugural da OK Liga. As probas realizadas durante a semana descartaron definitivamente a súa participación nesta segunda data de competición.

O santiagués sufriu un forte impacto no duelo contra o Caldes que impedirá a súa presenza no Clásico

Polo tanto, os homes do primeiro equipo que estarán dispoñibles para este Clásico serán os seguintes:

  • Eloi Martínez – Porteiro, dorsal 10
  • Blai Roca – Porteiro, 20
  • Arnau Xaus – 3
  • Edu Lamas – 6
  • Jacobo Copa – 7
  • Dava Torres – Capitán, 8 – 1 gol
  • Nuno Paiva – 11
  • Franco Platero – 15
  • Toni Pérez – 57

Un Barça que empezou con triunfo

O conxunto de Ricard Ares si logrou comezar esta OK Liga con vitoria, aínda que a resistencia do vixente campión Igualada (rival da primeira xornada) foi destacable. Os culés venceron por 4-3 grazas ós tantos de Martí Casas (2), Ignacio Alabart e Xavi Barroso; polo que suman tres puntos de tres posibles.

Últimas novas