Riazor ultima os preparativos para a terceira xornada da Champions 25/26

Riazor ultima os preparativos para a terceira xornada da Champions 25/26

10 de decembro de 2025


O Liceo recibirá no Pazo dos Deportes ó Sporting de Portugal (xoves 11, 20:30h).

O penúltimo partido do Liceo dentro deste ano 2025 será un de altura. O Pazo dos Deportes de Riazor engalanarase para o gran duelo que enfrontará ós de Juan Copa contra o Sporting de Portugal, correspondente á terceira xornada da Fase de Grupos de WSE Champions League (xoves 11, 20:30h). Os italianos Franco Ferrari e Massimiliano Carmazzi serán os árbitros encargados de impartir xustiza.

Terceira proba dun total de dez

Continúa polo tanto o sector inicial da mellor competición europea de hockey sobre patíns, que un ano máis durará un total de dez datas. A deste xoves en Riazor será a terceira para un Liceo que xa cubriu dúas: unha con triunfo fronte ó Oliveirense (3-2)outra con menos sorte na pista do Barcelos (3-1). Actualmente é cuarto clasificado con tres puntos, ocupando a última praza que daría acceso á Final 8.

O Liceo é o actual cuarto clasificado do Grupo B con tres puntos, dentro das prazas que dan acceso á Final 8

O camiño percorrido e por percorrer dos verdibrancos no Grupo B é o seguinte:

  • XORNADA 1 | LICEO vs. Oliveirense | 3-2
  • XORNADA 2 | Barcelos vs. LICEO | 3-1
  • XORNADA 3 | LICEO vs. Sporting (11 de decembro, 20:30h)
  • XORNADA 4 | LICEO vs. Bassano (8 de xaneiro, 20:30h)
  • XORNADA 5 | Benfica vs. LICEO (22 de xaneiro, 20:30h de Portugal)
  • XORNADA 6 | LICEO vs. Benfica (5 de febreiro, 20:30h)
  • XORNADA 7 | Bassano vs. LICEO (26 de febreiro, 20:45h)
  • XORNADA 8 | Sporting vs. LICEO (12 de marzo, 20:30h de Portugal)
  • XORNADA 9 | LICEO vs. Barcelos (26 de marzo, 20:30h)
  • XORNADA 10 | Oliveirense vs. LICEO (16 de abril, horario por determinar)

Tralo encontro ante o Sporting, o Liceo deberá afrontar o último do 2025. Será de novo en Riazor ante o Lleida, esta vez correspondente a unha nova xornada de OK Liga (domingo 14, 12:00h).

O Sporting celebra o recente 5-0 endosado ó Bassano. Imaxe: SPORTING CP.

Todos dispoñibles pendentes dun descarte

Juan Copa poderá contar para este partido coa totalidade do seu plantel, aínda que de novo deberá descartar a un xogador para non superar os dez permitidos nas convocatorias. Polo tanto, deberá elixilos de entre os seguintes once:

  • Martín Rodríguez – Porteiro, dorsal 1
  • Blai Roca – Porteiro, 20
  • Nil Cervera – 2 – 1 gol
  • Arnau Xaus – 3 – 1 gol
  • César Carballeira – 5 – 1 gol
  • Jacobo Copa – 7 – 1 gol
  • Dava Torres – Capitán, 8
  • Nuno Paiva – 11
  • Bruno Saavedra – 13
  • Fran Torres – 44
  • Toni Pérez – 57

Partido ante un dos xigantes do país veciño

A Riazor chegará o Sporting de Portugal, unha das potencias máis importantes do hockey sobre patíns luso. O equipo dirixido por Edo Bosch é o actual segundo clasificado do Campionato Placard só por detrás dun intratable Benfica.

No que a Champions se refire, o Sporting é o actual líder do Grupo B con seis puntos sumados sobre seis posibles. Iso logrou grazas ás súas vitorias contra o Barcelos (4-3) e o Bassano (5-0), ambos como local. A diferenza de goles é o que o coloca por encima do mencionado Benfica, tamén con pleno.