Riazor prepárase para un novo Clásico

Riazor prepárase para un novo Clásico

6 de febreiro de 2026


Un Liceo líder recibirá ó Barcelona no Pazo dos Deportes (domingo 8, 12:00h).

A esixente semana do Liceo terminará con todo un Clásico. O Barça viaxará ó Pazo dos Deportes para visitar ó líder da OK Liga, un equipo de Juan Copa que ata o momento suma oito triunfos seguidos na competición doméstica. O encontro, fixado para o domingo 8 ás 12:00h, disputarase só tres días despois de que ambos contendentes afrontaran sendas probas de Champions. No caso local, tras igualar a tres goles contra o Benfica.

Ganas de repetir

O certo é que o Liceo asumirá este reto no mellor momento da temporada e estreando liderado, logrado trala vitoria da semana pasada ante o Rivas e xuntada coa derrota do Igualada. Son un total de 41 puntos acumulados na OK Liga grazas a 13 éxitos, dous empates e unha única derrota. Con 38 unidades na táboa seguen o mesmo Igualada (segundo) e o propio Barcelona (terceiro).

Aínda que de pouco servirá para o do domingo, o precedente máis recente deste enfrontamento é amigo dos verdibrancos. O 14 de outubro, no Clásico xogado no Palau, o triunfo foi coruñés: un 3-5 grazas ós tantos de César Carballeira, Bruno Saavedra e Nuno Paiva.

O Liceo foi o vencedor do último Clásico, ó endorsarlle un 3-5 ó Barcelona no Palau.

De novo sen baixas

Un día máis, Juan Copa non sufrirá ningunha baixa á hora de preparar dito partido. Coma sempre, deberase facer un descarte que neste caso se realizará durante a previa do propio encontro.

Así as cousas, os dez xogadores que se enfrontarán ó Barcelona sairán dos seguintes once:

  • Martín Rodríguez – Porteiro, dorsal 1
  • Blai Roca – Porteiro, 20
  • Nil Cervera – 2 – 7 goles
  • Arnau Xaus – 3 – 9 goles
  • César Carballeira – 5 – 11 goles
  • Jacobo Copa – 7
  • Dava Torres – Capitán, 8 – 9 goles
  • Nuno Paiva – 11 – 8 goles
  • Bruno Saavedra – 13 – 7 goles
  • Fran Torres – 44
  • Toni Pérez – 57 – 10 goles

Juan Copa deberá facer de novo un descarte para adaptarse ós dez xogadores permitidos

Despois deste encontro, o Liceo deberá viaxar a unha pista complicada: o Joan Ortoll, fogar dun Calafell tamén anclado na parte nobre da clasificación (sábado 14, 19:30h).

O Barça, na loita por saír do bache

Non é o mellor momento da temporada para o equipo catalán, que nas últimas dúas semanas colleitou dúas derrotas nas tres probas disputadas. Foron en Liga contra o mencionado Calafell e, máis recentemente, en WSE Champions League contra o Porto. Entre medias, os de Ricardo Ares si colleitaron unha contundente vitoria contra o Sant Just (7-2).