PREVIA OK LIGA FEM (X6) | Semana intensa

PREVIA OK LIGA FEM (X6) | Semana intensa

Catro días despois da última, vén outra proba, e é que a semana da Constitución será un maratón de hockey para o Deportivo Liceo. Nesta aventura pola OK Liga Feminina, Stanis García e as súas xogadoras deberán visitar a Comunidade de Madrid para enfrontarse co Las Rozas (mércores 8, 17:00h) e buscar regresar á senda da vitoria.

Un choque coa digna derrota ante o fortísimo Palau todavía recente. Ese 3-4 de Riazor puxo fin a unha escalada polos maiores picos da competición cunha cómoda estancia en metade de táboa como consecuencia. Catro puntos que colocan ás verdibrancas na oitava posición antes de, precisamente, medirse ás novenas.

Unha vez superado o partido, de engadido, tocará concentrarse de forma inmediata para afrontar a sétima xornada: a visita ó Mataró (sábado 11, 20:30h).

Lista de convocadas

Stanis García, que afrontará o segundo partido da súa nova etapa, sairá á pista do Centro de Patinaxe de Las Rozas cos seguintes nomes: Katy Guscin, Viki Caretta, María Sanjurjo, Adriana Soto, Alba Garrote, Bea Gaete, Naiara Vaamonde, Luchy Paz, Lucía Yáñez e Lara Yáñez.

Contra un “igual”

O último mes, cheo de compromisos contra os xigantes destacados da OK Liga, deixa paso a un enfrontamento contra un Las Rozas máis “terreal”. O equipo dirixido por Luis Carlos Luengo é o noveno clasificado na táboa e as estadísticas din que é o terceiro peor tanto en goles a favor como en contra.

De todas maneiras, no momento do asubío inicial, o factor pista e o potencial do rival convertirán os datos nunha anécdota. Serán 50 minutos de loita innegociable, como demostrou o Deportivo Liceo ata o momento.

Deixa un comentario