PREVIA OK LIGA (X3) | Maratón

PREVIA OK LIGA (X3) | Maratón

Imaxe: HOCKEY GLOBAL.

Saír dunha para meterse noutra. Ó Deportivo Liceo de Juan Copa tocoulle participar en dúas xornadas de OK Liga separadas por apenas 48 horas. Este maratón de hockey sobre patíns rematará o sábado 2 de outubro na pista do Calafell (19:30h, OKLIGA.TV).

A viaxe ó Pavelló Municipal Joan Ortoll farase unha vez concluido o traballo no Bell-lloc, onde os liceístas disputaron o xoves o seu partido pendente contra o Lleida. Un rival sempre complicado que xerou problemas ó equipo, pero o conxunto coruñés puido rescatar un empate (3-3) mediante un gran disparo marca da casa de Àlex Rodríguez. Deixa un balance de catro puntos sobre seis posibles que, polo momento, coloca ó Liceo na sexta posición.

A expedición, sen trocos, continúa en Cataluña

O grupo, por obvios motivos de loxística, permaneceu en terras catalás debido á proximidade do vindeiro choque. Polo tanto, despois de superar a primeira proba sen lesións, Juan Copa poderá contar con exactamente os mesmos efectivos para tratar de triunfar ante o Calafell.

O Deportivo Liceo 20/21 logrou triunfar por 0-4 no Joan Ortoll. Imaxe: DAVID VALIENTE.

A expedición será a formada por Carles Grau, Martín Rodríguez, César Carballeira, Maxi Oruste, Marc Grau, Jordi Adroher, Jordi Burgaya, Roberto Di Benedetto, Àlex Rodríguez e o canteirán Nanu Castro. Dava Torres, capitán, continúa en A Coruña recuperándose da súa dolencia.

Un Calafell reforzado

Agarda xa o conxunto do Calafell, dirixido novamente por Ferran López. O técnico, con pasado na entidade, é o líder dun renovado proxecto con incorporacións de nivel. Destaca a do exliceísta Sergi Miras, que procurará facer esquecer a baixa de Eloi Mitjans (autor de 34 goles durante o curso 20/21).

Polo momento, a reconstrucción deu os seus froitos. Os dous partidos disputados ata o momento resultaron en catro puntos de seis posibles, tres deles logrados ante o forte Caldes (3-4). A xornada inicial deparou un empate contra o recén ascendido Alcoi (4-4).

Deixa un comentario