16 de xaneiro de 2026
O filial liceísta empezará en Elviña II a segunda volta do Grupo Norte (domingo 18, 12:30h).
A parte final da OK Bronce empezará para o Liceo este domingo ás 12:30h. O filial verdibranco procurará facer de Elviña II un fortín na visita do Club Patín Mieres, primeiro rival da segunda volta; ademais de loitar para aproveitar unha nova oportunidade de alongar a boa racha de resultados das últimas datas. O cadro liceísta recibirá ós asturianos despois de sumar oito puntos sobre os últimos doce posibles.
Os liceístas suman oito dos últimos doce puntos
Actualmente ocupan a novena praza do Grupo Norte con 15 puntos, catro menos que o Rochapea (oitavo) e catro máis que o Telecable (décimo). O Mieres chega a esta 14º proba ligueira como sétimo con 21 unidades froito de sete triunfos e seis derrotas, xa que aínda non empatou ningún partido.
Tras este duelo, os do Pichu Galvani xogarán todo un derbi coruñés na pista do Compañía de María (domingo 25, 12:45h).

