#OKBronce | Viaxe a Bilbao para un filial en bo momento

#OKBronce | Viaxe a Bilbao para un filial en bo momento

12 de decembro de 2025


Jaime Méndez. Fotografía: MANU BOUTUREIRA.

O Liceo de OK Bronce visitará este sábado a pista do Santutxu tras dous triunfos consecutivos.

Nova fin de semana e nova proba na OK Bronce, co filial do Liceo inmerso ata o fondo no seu Grupo Norte. Ós xogadores dirixidos polo Pichu Galvani tocaralles viaxar tras dous partidos como local: Bilbao será o seu destino para enfrontarse ó Santutxu (sábado 13, 19:30h) no Polideportivo de Txurdinaga.

Eses dous encontros de local deixaron precisamente dous grandes triunfos que empurran ós verdibrancos. O máis recente, no Polideportivo de Elviña 2 ante o Patinalon cun axustado 1-0 grazas ó decisivo tanto de Isaac Naveira. O máis lonxano, todo un golpe na mesa fronte ó entón líder invicto Oviedo Roller. Os liceístas venceron ós asturianos, que gañaran todo ata que se foron de Monte Alto cun 6-4 en contra (tres goles de Jaime Méndez, dous de Isaac Naveira e un de Roi Saavedra).

Os liceístas xogarán a penúltima xornada da primeira volta e a última do ano 2025

A inminente proba ante o Santutxu será a número 12 da Fase Regular, ou o que é o mesmo, a penúltima da primeira volta e a última do ano natural 2025. Actualmente o Liceo ocupa a novena praza con 13 puntos froito de catro vitorias, un empate e seis derrotas; e tras esta fin de semana regresará á competición o día 11 de xaneiro para recibir ó Escola Lubiáns.