O Liceo xogarase ante o Reus o seu pase á final da Supercopa

O Liceo xogarase ante o Reus o seu pase á final da Supercopa

Imaxe: HOCKEY GLOBAL (Mónica Arcay).

A Supercopa de España xa ten datas, rivais e cruce. O sorteo realizado pola Real Federación Española de Patinaxe trouxo o enfrontamento entre o Deportivo Liceo e o Reus Deportiu, semifinal que terá lugar o sábado 2 de xaneiro ás 18:00h. A outra eliminatoria estará protagonizada polo Noia e o Barcelona, que loitarán por un posto no gran partido que decidirá ó campión. Todos os partidos serán retransmitidos por Esport3.

Será o primeiro enfrontamento entre Liceo e Reus dos dous que terán lugar en apenas unha semana, sendo o segundo o correspondente á xornada 14 da OK Liga. Juan Copa, técnico liceísta, valorou o emparellamento: “Calquera dos tres ía ser complicado porque estamos a falar da fase final dunha Supercopa. O Reus é o actual campión, un equipo temible a partido único e cun potencial ofensivo moi bo. Teñen xogadores top como Raúl Marín, Àlex Rodríguez e Marc Julià”.

O Deportivo Liceo regresará ós adestramentos o 26 de decembro: “Volveremos coa vista posta nese partido para preparalo ao máximo e intentar disputar a final”, declarou Copa.

Deixa un comentario