1 de novembro de 2025
Imaxe: MANU BOUTUREIRA.
Os homes de Juan Copa xogarán este domingo (18:00h) a súa sétima xornada ligueira co obxectivo de sumar de tres.
Nova fin de semana e nova xornada de OK Liga. Esta vez ó Liceo de Juan Copa tocaralle unha visita de magnitude a Les Comes, fogar dun forte Igualada que comezou a temporada de forma excelente. O enfrontamento será o domingo ás 18:00h e estará retransmitido grazas ás cámaras de OK LIGA TV.
Unha proba para empezar o maratón de novembro
Este encontro, dirixido polos árbitros Raúl Burgos e Rubén Fernández, será o inicio dun mes de gran esixencia. Desde este domingo 2 e ata o sábado 29, o Liceo deberá facer fronte a un total de seis partidos xuntando OK Liga e WSE Champions League. Precisamente será o regreso da competición europea o que supoña o próximo obstáculo dos verdibrancos, ante o Oliveirense o xoves 6 en Riazor (20:30h).



Poucos días despois, o Pazo dos Deportes tamén recibirá ó Reus Deportiu na que será a oitava data da competición nacional (domingo, 12:00h). Nela, o Liceo ocupa actualmente a segunda praza con 14 puntos sobre 18 posibles, froito de catro vitorias e dous empates. O último deles ocorreu na anterior xornada dentro da pista do Sant Just (2-2).
Baixa de Bruno Saavedra e regreso de Fran Torres
A mala nova da semana recaeu na lesión confirmada de Bruno Saavedra. Debido a unha doenza na cresta ilíaca, e tras pasar probas no Hospital Quirónsalud A Coruña, o dorsal 13 estará de baixa entre dúas semanas e un mes.
Para ocupar o seu lugar regresa o arxentino Fran Torres, definitivamente coa alta competitiva para entrar de novo na lista de convocados de Juan Copa. A completa será a seguinte:
- Martín Rodríguez – Porteiro, dorsal 1
- Blai Roca – Porteiro, 20
- Nil Cervera – 2 – 2 goles
- Arnau Xaus – 3 – 3 goles
- César Carballeira – 5 – 6 goles
- Jacobo Copa – 7
- Dava Torres – Capitán, 8 – 1 gol
- Nuno Paiva – 11 – 4 goles
- Fran Torres – 44
- Toni Pérez – 57 – 3 goles
Un Igualada con menos descanso pero o mesmo perigo
O certo é que este duelo enfrontará ó segundo contra o terceiro: un Igualada que, a pesar de ter xogado o pasado mércores, convertirá Les Comes nun fortín. De tres partidos na casa dos cataláns só puntuou o Barça, sendo os outros dúas sendas derrotas do Calafell (4-1) e o Sant Just (5-0).


O equipo de Lorenzo Pastor, de feito, tivera chegado líder á cita en caso de ter gañado entre semana na pista do Alcoi. Sumou finalmente un empate tras igualar a dous tantos. Comezou perdendo por 2-0, aínda que terminaron por equilibrar o asunto Joel Roma e Miguel Cañadillas.

