Domingo, Riazor e Reus para volver á senda do triunfo

Domingo, Riazor e Reus para volver á senda do triunfo

8 de novembro de 2025


O Liceo xogará de novo no Pazo ante un rival clásico da máxima categoría (domingo 9, 12:00h).

O xoves tocou Champions e, menos de 72 horas despois, será outra vez a hora da OK Liga. Ademais, cun partido de altísima esixencia; pois visitará Riazor o Reus Deportiu (domingo 9, 12:00h). Oitava xornada de Fase Regular, tres puntos máis en xogo e a oportunidade de volver a gañar na competición doméstica despois da derrota na pista do Igualada.

Pouco descanso antes dunha xornada de altura

Ambos rivais disputaron entre semana unha dura xornada inaugural de WSE Champions League, polo que a esixencia física será un dos factores chave deste partido. Mentres o Liceo venceu con emoción ó Oliveirense, o Reus deu guerra ante o Barcelona a pesar de caer finalmente derrotado (3-5).

Ambos equipos disputaron encontro de Champions o pasado xoves.

No que a OK Liga se refire, os homes de Juan Copa afrontarán esta oitava proba doméstica desde a cuarta posición da clasificación. Son un total de 14 puntos acumulados sobre 21 posibles, só dous menos que os equipos que conforman un triple empate a 16: Barça, Igualada e o propio Reus.

Baixas de acento coruñés

Para este partido non poderá estar Martín Rodríguez, que entra nun proceso de recuperación do seu xeonllo. Eloi Martínez, xogador do filial de OK Bronce, será o encargado de compartir as responsabilidades da portería con Blai Roca.

O capitán Dava Torres será finalmente da partida para este encontro, tralo golpe sufrido ante o Oliveirense. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

A lista, polo tanto, será a seguinte:

  • Blai Roca – Porteiro, dorsal 20
  • Eloi Martínez – Porteiro, 88
  • Nil Cervera – 2 – 2 goles
  • Arnau Xaus – 3 – 3 goles
  • César Carballeira – 5 – 6 goles
  • Jacobo Copa – 7
  • Dava Torres – Capitán, 8 – 1 gol
  • Nuno Paiva – 11 – 4 goles
  • Fran Torres – 44
  • Toni Pérez – 57 – 3 goles

Un Reus con puntuación de líder

O equipo de Jordi García empezou a temporada con moita forza. É un dos tres equipos que agora mesmo comparten liderado grazas a cinco triunfos, un empate e unha derrota. Faino co capitán Joan Salvat como máximo exponente goleador (7 dianas) e vén de vencer en OK Liga ante o Sant Just (3-1).