20 de novembro de 2025
O Liceo, que de momento suma tres puntos de tres posibles, xogará na pista do actual campión da WSE Champions League (xoves 20, 22:30h de España).
A WSE Champions League volve a aparecer na vida do Liceo. Tralas boas novas da primeira xornada, cando se venceu en Riazor ante o Oliveirense, toca afrontar a primeira proba continental como visitante. Non nunha pista calquera, senón na do actual campión de Europa: o Barcelos (xoves 20, 22:30h de España, 21:30h de Portugal).
Segunda parada dun total de dez
Cos árbitros Louis Anthony Hyde e Ulderico Barbarisi como responsables de poñer orde, os xogadores dirixidos por Juan Copa disputarán a xornada nº 2 do seu periplo pola Fase de Grupos. Un que de momento está inmaculado, ou iso di o mencionado triunfo ante o Oliveirense (3-2 con goles de César, Xaus e Jacobo).
Os resultados desa data inicial deixan a seguinte clasificación. Os catro primeiros colocados deste Grupo B, trala finalización das dez xornadas de Fase, pasarán á Final 8:
- 1º – BENFICA – 3 puntos
- 2º – LICEO – 3 puntos
- 3º – SPORTING – 3 puntos
- 4º – BARCELOS – 0 puntos
- 5º – OLIVEIRENSE – 0 puntos
- 6º – BASSANO – 0 puntos



Co obxectivo desa final a oito na mente, o camiño percorrido e por percorrer dos verdibrancos é o seguinte:
- XORNADA 1 | LICEO vs. Oliveirense | Triunfo por 3-2
- XORNADA 2 | Barcelos vs. LICEO (20 de novembro, 21:30h de Portugal)
- XORNADA 3 | LICEO vs. Sporting (11 de decembro, 20:30h)
- XORNADA 4 | LICEO vs. Bassano (8 de xaneiro, 20:30h)
- XORNADA 5 | Benfica vs. LICEO (22 de xaneiro, 20:30h de Portugal)
- XORNADA 6 | LICEO vs. Benfica (5 de febreiro, 20:30h)
- XORNADA 7 | Bassano vs. LICEO (26 de febreiro, 20:45h)
- XORNADA 8 | Sporting vs. LICEO (12 de marzo, 20:30h de Portugal)
- XORNADA 9 | LICEO vs. Barcelos (26 de marzo, 20:30h)
- XORNADA 10 | Oliveirense vs. LICEO (16 de abril, horario por determinar)
Regresos e baixas
A nivel de convocatoria, o Liceo recibe a boa nova da volta de Bruno Saavedra, xa en bo estado físico trala súa lesión na cresta ilíaca. O dorsal 13 verdibranco, salvo novidade de última hora, volverá a dispoñer de minutos.
Martín Rodríguez tamén será da partida despois de varios encontros fóra por lesión. Sen embargo, Fran Torres non viaxará a Portugal debido a un proceso vírico de última hora.
Volven Bruno e Martín, aínda que se cae Fran Torres
A expedición liderada por Juan Copa será a seguinte:
- Martín Rodríguez – Porteiro, dorsal 1
- Blai Roca – Porteiro, 20
- Nil Cervera – 2
- Arnau Xaus – 3 – 1 gol en Champions
- César Carballeira – 5 – 1 gol en Champions
- Jacobo Copa – 7 – 1 gol en Champions
- Dava Torres – Capitán, 8
- Nuno Paiva – 11
- Bruno Saavedra – 13
- Toni Pérez – 57
Fronte ó campión de Europa
No seu Municipal esperará o Barcelos, comandado por un Rui Neto que está a completar unha gran temporada no Campionato Placard portugués. Son os actuais segundos clasificados só por detrás do Benfica. Unha situación froito de cinco vitorias e unha derrota, sendo esta na pista do Porto (5-3).
A nivel europeo, os lusos son os vixentes campións da WSE Champions League. Na presente edición, sen embargo, non empezaron do mellor xeito: a primeira xornada deixou unha derrota contra o Sporting. Igual que no caso anterior do Porto, non sen dar guerra (4-3 en Lisboa).

