CRÓNICA #OKLiga (X13) | O Liceo vence en Mollet (1-3)

CRÓNICA #OKLiga (X13) | O Liceo vence en Mollet (1-3)

12 de xaneiro de 2025


César e Dava celebran o 1-2, obra do primeiro. Imaxe: DAVID VALIENTE.

Os de Juan Copa superan ó Voltregà tras un partido igualado no que o acerto e as paradas de Martí Serra foron chave.

O equipo recupera a segunda praza.

Tres puntos para sumar un total de 27 e rematar de xeito óptimo a primeira volta da Fase Regular. Novas inmellorables para o Liceo dun Juan Copa de aniversario, que ademáis recupera a segunda praza. Todo iso tras vencer ó Voltregà e aproveitar a derrota do Reus Deportiu na xornada unificada.

Nun escenario pouco habitual, lonxe do Oliveras de la Riva e dentro do Riera Seca, o partido foi realmente igualado nos seus compases iniciais. Notouse pouco a problemática situación clasificatoria dos locais, que ós cinco minutos xa gozaron dunha clara oportunidade para adiantarse no marcador. Foi Arnau Canal quen se atopou fronte a Martí Serra, pero o exliceísta (recente incorporación do Voltregà) non logrou superar ó meta.

O que si fixo posteriormente foi ver a tarxeta azul, unha que mandou a Arnau Xaus ó punto da directa. O 3, pichichi dos de Juan Copa, non fallou; pero non foi máis que o comezo dun minuto tolo que traería ata dous goles máis.

60 segundos de tolemia

Aleix Molas foi quen de empatar de forma inmediata cun disparo lonxano que fixo vibrar ó pavillón temporal, aínda que a ledicia durou pouco. César, cun disparo raso tras reverso, superou ó meta Codony para devolverlle o triunfo parcial ó Liceo (1-2).

Xaus anotou o primeiro gol do Liceo. Imaxe: DAVID VALIENTE.

Puideron os coruñeses incluso aumentar todavía máis a vantaxe cando o mencionado Molas viu outra azul, aínda que esta vez Xaus non logrou atopar a rede. Faltaban 10 segundos de primeiro acto.

Martí apareceu de novo

O momento do Voltregà tiña que chegar. Nunha atmosfera favorable, os xogadores de Ferran López intentaron de todo. Primeiro sobreviviron á inferioridade numérica e despois, debido a unha azul vista polo verdibranco Bruno Saavedra, mandaron a Teixidó ó punto da directa. Un terreo que nunca deixou de ser de Martí Serra.

O meta liceísta ampliou a exhibición do pasado xoves contra o Benfica para deter dúas bólas paradas, ambas chaves no devir do partido. Primeiro a mencionada e posteriormente a provocada pola décima infracción. Nesa ocasión, o neutralizado foi Jordi Burgaya.

Nunha última oportunidade, xa con cinco xogadores de pista por parte do Voltregà, foi cando o Deportivo Liceo sentenciou o partido. Nil Cervera roubou a bóla e, sen porteiro, mandouna ó fondo da rede para pechar o asunto.

FICHA TÉCNICA

VOLTREGÀ: Oriol Codony; Aleix Molas, Gerard Teixidó, Àlex Rodríguez, Arnau Canal (quinteto inicial), Èric Vargas, Jordi Burgaya, Xavi Armengol, Humbert Serra e Miquel Estrada (meta suplente).

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Nil Cervera, Arnau Xaus, César Carballeira, Dava Torres (quinteto inicial), Jacobo Copa, Bruno Saavedra, Fabri Ciocale e Martín Rodríguez (meta suplente).

ÁRBITROS: David Cantos Bonales e Alberto Pérez Pérez. Mostraron tarxeta azul a Arnau Canal e a Aleix Molas por parte do Voltregà. No Deportivo Liceo viuna Bruno Saavedra.

GOLES: 1-0 (Arnau Xaus, min. 10). 1-1 (Aleix Molas, min. 11). 1-2 (César Carballeira, min. 11). 1-3 (Nil Cervera, min. 50).

INCIDENCIAS: Xornada 13 da OK Liga 24/25, Fase Regular. Pavelló Riera Seca (Mollet del Vallés).

Deixa un comentario