CRÓNICA | Quinto triunfo seguido a base de traballo (3-5)

CRÓNICA | Quinto triunfo seguido a base de traballo (3-5)

Os excelentes rexistros do Liceo de Juan Copa continúan e medran. Son xa 44 puntos de 51 posibles na OK Liga 21/22 despois de dobregar ó Voltregà a base de paciencia e traballo.

E con remontada incluida. No primeiro minuto, o conxunto local adiantouse mediante Marc Palazón para poñer pedras ó inicio do partido. O Deportivo Liceo non se amedrentou. Pouco despois, Àlex Rodríguez (que recibiu o trofeo a máximo goleador do curso 20/21) empatou cunha intelixente acción. O cañoneiro agarrou a bóla, pasou por detrás da meta de Estrada e atopou a zona xusta para batilo.

Os locais anotaron o 1-0 no primeiro minuto, pero o Deportivo Liceo tardou menos de dez en remontar.

Tres minutos despois, o golazo foi de Di Benedetto. Avanzou polo costado dereito, armou o stick e atopou a rede cun potente disparo. Marc Grau uniuse tamén á festa con dous goles do que é: un killer. Aleix Molas acurtou distancias, pero o descanso chegou cun 2-4 favorable.

Xestión de vantaxe

O gol de Jordi Adroher nada máis comezar o segundo acto facilitou aínda máis o seu guion. O Deportivo Liceo, como consecuencia, viviu ben prantado ante as acometidas rivais. Só se lle complicou a cousa a falta de cinco minutos, cando Arnau Canal anotou o 3-5, pero non houbo maior consecuencia.

Cos tres puntos no zurrón, Juan Copa e os seus xogadores céntranse xa na visita do Igualada ó Pazo dos Deportes (sábado 12, 20:00h).

FICHA TÉCNICA

VOLTREGÀ: Miquel Estrada; Eric Vargas, Marc Palazón, Gerard Teixidó, Arnau Canal (quinteto inicial), Aleix Molas, Humbert Serra, Gil Canal e Pol Molas.

DEPORTIVO LICEO: Carles Grau; Dava Torres, Àlex Rodríguez, Roberto Di Benedetto, Jordi Adroher (quinteto inicial), César Carballeira, Marc Grau e Jordi Burgaya.

ÁRBITROS: Escobar López e Nicolás Abellán. Mostraron cartón azul ó local Gerard Teixidó e ós visitantes Àlex Rodríguez, Dava Torres e César Carballeira.

GOLES: 1-0 (Marc Palazón, min. 1). 1-1 (Àlex Rodríguez, min. 7). 1-2 (Roberto Di Benedetto, min. 10). 1-3 (Marc Grau, min. 12). 1-4 (Marc Grau, min. 13). 2-4 (Aleix Molas, min. 21). 2-5 (Jordi Adroher, min. 26). 3-5 (Arnau Canal, min. 45).

Xornada 17 da OK Liga 21/22. Municipal de Oliveras de la Riva (Sant Hipòlit de Voltregà).

Deixa un comentario