CRÓNICA | Non hai triunfo sen sufrimento (1-4)

CRÓNICA | Non hai triunfo sen sufrimento (1-4)

Costou, pero que ben soubo. O Deportivo Liceo venceu en Voltregà (1-4) para recuperar parte do traballo perdido pola pandemia de COVID-19, aínda que non foi nada fácil. Dava Torres en dúas ocasións, Adroher e Marc Grau puxeron ó equipo coruñés en puntuación de liderado (21), pero cun encontro menos que o Barcelona e en segunda posición por diferencia de goles.

En palabras de Juan Copa, “o Voltregà é sempre un rival complicado”. O Liceo atopou esta premisa desde o primeiro minuto de partido. Dominou a bóla, pero a solidez defensiva do equipo de Manolo Barceló xerou problemas. Máis aínda cando o Voltregà anotou o gol inicial, obra de Teixidó (minuto 12) de falta directa.

O potencial do Liceo serviu para empatar o partido cinco minutos despois do golpe. Foi Dava Torres, capitán, o responsable dun potente disparo lonxano que superou a Blai Roca. Sen dúbida, o meta do Voltregà foi a gran estrela do seu equipo. Detivo oportunidade tras oportunidade, incluida unha realmente clara a Franco Platero cando o arxentino parecía transformar o segundo gol verde.

Ante un muro chamado Blai Roca

A primeira parte do partido deixou unha exhibición do porteiro local e a segunda non foi menos. Roca ofreceu un amplo catálogo de paradas, pero non puido evitar a remontada do Deportivo Liceo. O 1-2 de Marc Grau foi un tanto importantísimo para os de Juan Copa, bastante máis tranquilos tras lograr darlle a volta ó marcador por segunda xornada consecutiva.

O troco de papeis non detivo o espectáculo do porteiro do Voltregà. Os liceístas acumularon un número considerable de faltas (nove a seis minutos do final), pero unha en concreto do equipo local decantou o partido. O cartón azul de Arnau Canal enviou ao mago Adroher ó punto da falta directa, e tras unha definición de xenio superou o muro de Blai Roca.

Vitoria pechada. Unha realmente importante e complicada. Intentou evitala Manolo Barceló cunha manobra que sorprendeu a propios e estranos, colocando a cinco xogadores de campo nos derradeiros dous minutos de partido. O arriscado movemento non lle xerou bo resultado ó Voltregà, que encaixou o 1-4 definitivo mediante Dava Torres.

Co primeiro reto desta xira por Cataluña xa superado, ao Deportivo Liceo tocaralle xogar o venres ás 20:00h contra o Lloret. A primeira posición estará en xogo.

FICHA TÉCNICA

CP VOLTREGÀ: Blai Roca, Eric Vargas, Gerard Teixidó, Aleix Molas, Arnau Canal (cinco inicial), Roger Font, Marc Palazón, Humbert Serra e Gerard Rovira.

DEPORTIVO LICEO: Carles Grau, Franco Platero, César Carballeira, Dava Torres, Jordi Adroher (cinco inicial), Marc Grau, Nanu Castro e Maxi Oruste.

GOLES: 1-0 (Teixidó, min. 12). 1-1 (Dava Torres, min. 18). 1-2 (Marc Grau, min. 32). 1-3 (Jordi Adroher, min. 44). 1-4 (Dava Torres, min. 49).

ÁRBITROS: Buixeda Gallarte Navales Morera. Mostraron cartón azul ao local Arnau Canal e ao liceísta Maxi Oruste.

INCIDENCIAS: Partido correspondente á xornada 5 da OK Liga 20/21, adiada no seu día pola situación de pandemia. Pavelló Municipal Olivares de la Riva, sen espectadores.

Deixa un comentario