CRÓNICA OK LIGA (X11) | Despedida con triunfo (1-4)

CRÓNICA OK LIGA (X11) | Despedida con triunfo (1-4)

15 de decembro de 2024


O Liceo acaba o hockey de 2024 cun bo triunfo na pista do Vilafranca.

Clasifícase matemáticamente para a Copa do Rei como cabeza de serie.

Acabou 2024 e fíxoo con dobre boa nova. A primeira foi a vitoria dos de Juan Copa na visita a Vilafranca, sendo a sexta seguida na Fase Regular. A segunda foi a clasificación matemática como cabeza de serie para a próxima Copa do Rei. Unha clausura inmellorable de ano para o Liceo, que marcha na segunda praza momentánea con 24 puntos.

Un equipo verdibranco ó que lle costou abrir o marcador na casa do colista, que prantou cara a pesar de pagar caros os seus erros. Os coruñeses xa puideron adiantarse nada máis comezar debido a un penalti cometido sobre Fabri, pero o meta Chus Fernández detivo o lanzamento de César. O 5 non estivo acertado nesa xogada, pero si na do definitivo 0-1, unha acción protestada polos locais, xa que solicitaban unha falta previa.

Aproveitar os erros

Ese foi o gran punto de inflexión do partido. Un que tamén se gañou, ademáis, grazas ó excelente rendemento de Martí Serra en portería.

O Liceo completou un bo partido defensivo capitaneado por Martí Serra desde a portería

Pouco despois do gol inicial de César detívolle un penalti a Bernat Yeste, o mesmo home que de inmediato se trabucaría cedendo unha azul e unha directa. Transformouna Xaus para que o descanso marcara un 0-2 parcial.

Pechar o partido

Con todavía 25 minutos por xogar, os homes de Juan Copa non cederon nada á fortuna. Anotaron a terceira diana grazas a unha boa acción de Bruno Saavedra, moi acertado no seu man a man contra Fernández. Definición de sangue frío por encima do porteiro. O mesmo que continuou demostrando Serra detendo as acometidas do Vilafranca.

O acto final da segunda metade foi o de máis insistencia por parte dos do Penedés, que rozaron o gol en varias ocasións. Atoparíanno mediante Roger Martí a segundos do final pero só despois de que o capitán Dava Torres transformara unha pena máxima.

Un para o Vilafranca e catro para o Liceo, que agora disfrutará de dúas semanas sen partidos oficiais. O seguinte chegará o 4 de xaneiro, data na que o Reus Deportiu visitará Riazor.

FICHA TÉCNICA

VILAFRANCA: Chus Fernández; Arnau Ribas, Marc Palau, Roger Monserrat, Sergi Torné (quinteto inicial), Roger Martí, Joan Vázquez, Bernat Yeste, Roger Perales e Pol Ferrer (meta suplente).

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Arnau Xaus, César Carballeira, Dava Torres, Fabri Ciocale (quinteto inicial), Nil Cervera, Jacobo Copa, Bruno Saavedra, Tato Ferruccio e Martín Rodríguez (meta suplente).

ÁRBITROS: Jonathan Sánchez García e Luis Mier Sánchez. Mostraron tarxeta azul ós locais Bernat Yeste, Sergi Torné e Roger Monserrat. No Liceo viuna o Tato Ferruccio.

GOLES: 0-1 (César Carballeira, min. 12). 0-2 (Arnau Xaus, min. 18). 0-3 (Bruno Saavedra, min. 29). 0-4 (Dava Torres de penalti, min. 47). 1-4 (Roger Martí, min. 50).

INCIDENCIAS: Xornada 11 da OK Liga 24/25, Fase Regular. Poliesportiva de Vilafranca.

Deixa un comentario