CRÓNICA | ¡Á OK LIGA! (0-4)

CRÓNICA | ¡Á OK LIGA! (0-4)

Imaxe: HOCKEY GLOBAL.

Un ano estrano remata co mellor dos premios. O Deportivo Liceo dirixido por Carlos Loureiro logrou o ascenso matemático á OK Liga Feminina despois do oitavo triunfo en dez partidos. Exemplo dun traballo excepcional que, a falta aínda de dúas xornadas, suma 26 puntos de 30 posibles, 37 goles a favor e tan só 4 en contra.

No partido do gran triunfo, fronte ó Deportivo Liceo apareceu un Rochapea desgastado físicamente (xogara contra o Alcorcón dúas horas antes) aínda que dono das primeiras ocasións do partido. Katy Guscin, na liña habitual, amosouse máis que segura e evitou o dano. Este amago de accidente precedeu ós dous goles consecutivos de Beatriz Gaete (minutos 12 e 13), que xa eliminaron todo risco de fracaso.

A primeira metade, puido, iso sí, rematar con tanto local. Un cuestionable cartón azul a Cris Diz enviou a Ainara Casado ó punto da falta directa, pero Katy fíxose valer e mantivo o 0-2. Iso mesmo fixo o equipo durante os segundos 25 minutos. Dominou totalmente a acción e aproveitou o lóxico baixón físico do Rochapea, que encaixou o 0-3 nun penalti lanzado por Luchy Paz e o 0-4 grazas a outra boa definición de Naiara Vaamonde. O ascenso á OK Liga xa era unha realidade.

O Liceo, xa co obxectivo conseguido, vivirá agora un amplo pero doce descanso competitivo. Salvo trocos de última hora, o vindeiro partido será o 13 de xuño contra o filial do Borbolla.

FICHA TÉCNICA

UDC ROCHAPEA: Garazi Leganoz, Iruña Lasaosa, Saioa Larrainzar, Ainara Casado, Irune Santesteban (quinteto inicial) e Ainara Errea.

DEPORTIVO LICEO: Katy Guscin, Ale Martín, Naiara Vaamonde, Bea Gaete, Luchy Paz (quinteto inicial), Andrea Ojeda, Isa Barros, Inés Temprano e Cris Diz.

ÁRBITRO: Oliver de Esteban. Amosou cartón azul a Cris Diz (Deportivo Liceo).

GOLES: 0-1 (Beatriz Gaete, min. 12). 0-2 (Beatriz Gaete, min. 13). 0-3 (Luchy Paz, de penalti, min. 39). 0-4 (Naiara Vaamonde, min. 49).

INCIDENCIAS: Xornada 11 da OK Prata Feminina 20/21.

Deixa un comentario