5 de decembro de 2024
Imaxe: WSE.
O equipo de Juan Copa supera ó Dinan Quévert con contundencia e suma o primeiro triunfo da Fase de Grupos.
O técnico do Liceo logra a vitoria número 200 desde a súa chegada ó club.
O da Salle Némée era un exame importante e aprobouse con nota. O Deportivo Liceo atopou alí ó Dinan Quévert e superouno con claridade: todo un 1-6 co Tato Ferruccio como goleador principal. O arxentino anotou un hat trick que, entre outros menesteres, axudou a abrir e pechar o marcador.
É o primeiro triunfo dos de Juan Copa (que logrou o seu número 200 como técnico liceísta) na actual Fase de Grupos da WSE Champions League. Catro puntos en total para afianzarse un pouco máis na zona de clasificación ós Cuartos de Final. Unha situación que tardou cinco minutos en fructificar grazas á primeira diana de Ferruccio, tras un man a man escorado contra o porteiro Acevedo.
Juan Copa logra o seu triunfo número 200 como adestrador do Liceo
A primeira das únicas dúas grandes complicacións do partido ocorreu pouco despois, aínda que Martí Serra (hoxe titular) respondeu con creces. Todo chegou produto dunha tarxeta azul vista por Jacobo Copa, pero o capitán local Corentin Turluer non puido superar ó porteiro liceísta na directa.
Bruno para distanciarse
Saavedra erixiuse poucos minutos despois como o que á postre sería segundo gran realizador liceísta deste partido. O seu impacto entre os minutos 15 e 18 resumiuse en dous goles, útiles para irse ó 0-3 parcial.
Ademáis de Ferruccio, Bruno Saavedra destacou con dous goles
A segunda das mencionadas complicacións apareceu co penalti cometido sobre os locais, un que Guido Pellizzari se axenciou. O recente exliceísta errou o disparo inicial, aínda que no rexeite de Serra gozou de mellor acerto. Descanso e 1-3, un resultado parcial que non tardaría en modificarse a favor dos de verde e branco.
Ferruccio para sentenciar
Logrouno César cando todavía non transcurría nin o quinto minuto do segundo acto. Recolleu un rexeite de Acevedo e mandou a bóla a gardar. Este foi un dos grandes golpes na mesa por parte do cadro de Juan Copa, dominador durante a práctica totalidade do encontro.
A palabra definitiva foi para o Tato Ferruccio, que no seu momento xa abrira o marcador. Tamén o pechou. Dobrete nos minutos 34 e 45, de directa e de man a man, para establecer o 1-6 final. Un realmente merecido.
O Liceo contará agora con apenas dous días de descanso, xa que o domingo ás 12:00h disputará un novo partido de OK Liga. Será ante o Caldes en Riazor (xornada 10) co obxectivo de establecerse con máis forza na zona noble da Fase Regular.
FICHA TÉCNICA
QUÉVERT: Bautista Acevedo; Corentin Turluer, Tomás Cardoso, Guido Pellizzari, Quentin Povedin (quinteto inicial), Roman Ricaille, Matteo Garcia, Arthur Landrin, Facundo Almiñana e François Guillemin (meta suplente).
DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Nil Cervera, Arnau Xaus, César Carballeira, Fabri Ciocale (quinteto inicial), Jacobo Copa, Bruno Saavedra, Tato Ferruccio e Martín Rodríguez (meta suplente).
ÁRBITROS: Carlos Correia e Manuel Oliveira (Portugal). Mostraron tarxeta azul a Jacobo Copa por parte do Deportivo Liceo.
GOLES: 0-1 (Tato Ferruccio, min. 5). 0-2 (Bruno Saavedra, min. 15). 0-3 (Bruno Saavedra, min. 18). 1-3 (Guido Pellizzari, min. 21). 1-4 (César Carballeira, min. 29). 1-5 (Tato Ferruccio, min. 34). 1-6 (Tato Ferruccio, min. 45).
INCIDENCIAS: Xornada 3 da WSE Champions League 24/25, Fase de Grupos. Salle Némée (Quévert).