CRÓNICA OK LIGA (Final, Partido 3) | Un equipo do que estar moi orgulloso (3-6)

CRÓNICA OK LIGA (Final, Partido 3) | Un equipo do que estar moi orgulloso (3-6)

Sito Ricart pugna por unha bóla xunto a Sergi Panadero. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

Unha derrota non pode tapar un curso do que estar moi orgulloso. Tras un verán de reestruturación e un camiño cheo de dificultades, o Deportivo Liceo foi derrotado polo Barcelona na final da OK Liga e proclamouse subcampión. O terceiro partido, celebrado nun Riazor abarrotado por uns 1.500 liceístas vestidos de verde, decidiu todo.

Pero primeiro os azulgranas tiñan que loitar. Polo menos ó mesmo nivel có Liceo. Riazor era outra cousa e, como mínimo, tamén ía dar guerra. Iso trocou en feitos cando só pasaron catro minutos. Bruno Di Benedetto marcou o 1-0 despois de recibir na frontal da área un pase intelixente de Dava Torres. De todas formas, a reacción culé era de agardar.

O Deportivo Liceo remata o curso como subcampión da OK Liga 22/23

A intensidade dos seus ataques creceu. Avisou primeiro Hélder Nunes tras unha boa xogada combinativa que desviou Martí Serra e seguiulle Alabart cun disparo cruzado lixeiramente desviado.

Finalmente o encargado de empatar foi Rodrigues, listo preto da porta para aproveitar un erro defensivo do Liceo (1-1, minuto 7).

Igualdade xeral

O empate tamén igualou o partido en canto ao dominio. Este aspecto reinou nos dous encontros do Palau e tamén na Coruña. Verdibrancos e azulgranas contaron con oportunidades importantes, tal vez as últimas con algo máis de perigo. Sexa como sexa, Pau Bargalló remontou no minuto 15 e obrigou ó conxunto de Juan Copa a patinar sobre a corda frouxa.

Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

Desde logo, a resposta foi rápida e efectiva. Apenas dous minutos despois, o mesmo Bruno materializou o 2-2. Pol Manrubia recibiu no flanco dereito e, aínda que estaba marcado, fabricou un pase letal para que o francés rematara na mesma zona do 1-0. Incluso estivo a piques de chegar o 3-2 cando César Carballeira, a falta de poucos minutos para o descanso, atopou o pau de Sergi Fernández.

Unha segunda parte con certa polémica

Os que terminarían sendo os 25 últimos da OK Liga 22/23 non comezaron mal. Bruno completou o seu hat trick no minuto 33 (3-2) despois de avanzar sen oposición pola dereita e superar a Fernández. Lamentablemente, aínda quedaba moito. Proba diso foi o penalti cometido posteriormente sobre Marc Grau, aínda que Martí Serra estivo excelente para deter tanto o lanzamento de Nunes como o rexeite. O porteiro liceísta completou outro gran partido, como ocorreu nos dous do Palau.

O Deportivo Liceo celebra un dos goles logrados durante o partido. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

Apareceu entón o factor das faltas acumuladas. Era un 9-9 a falta dun cuarto de hora. Cometeu a décima antes o Barcelona e a directa non foi aproveitada por Àlex Rodríguez. Si polo equipo de Edu Castro a través de Pau Bargalló (3-3).

Os dous porteiros suxeitaron ós seus equipos nunha fase decisiva. Todo o mundo era coñecedor diso. Desafortunadamente, o que desequilibrou a balanza foi de novo Bargalló a falta de cinco minutos. Non sen polémica, xa que todo Riazor pediu un penalti sobre Di Benedetto na xogada anterior.

Xa co Deportivo Liceo arriscando con cinco xogadores de pista, os culés anotaron dúas dianas máis aproveitando a porta baleira. Foron de Rodrigues e Marc Grau. A primeira delas, de novo tras unha posible pena máxima sobre Fran Torres.

Tras unha tangana final na que o porteiro barcelonista Sergi Fernández foi expulsado por agredir a Pol Manrubia, o enganoso 3-6 quedou no marcador e puxo fin a unha tempada de gran mérito por parte do Deportivo Liceo.

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Bruno Di Benedetto, César Carballeira, Dava Torres, Àlex Rodríguez (quinteto inicial), Sito Ricart, Pol Manrubia, Fabri Ciocale, Fran Torres e Mati Bridge (meta suplente).

BARÇA: Sergi Fernández; Ignacio Alabart, Pau Bargalló, Hélder Nunes, João Rodrigues (quinteto inicial), Joan Pascual, Sergi Panadero, Marc Grau, Sergi Llorca e Carles Grau (meta suplente).

ÁRBITROS: Sergi Mayor Oliván e Jonathan Sánchez García. Expulsaron con cartón vermello directo a Jordi Roca (segundo adestrador do Barça) e a Sergi Fernández. No Deportivo Liceo expulsaron con outro vermello directo a Pol Manrubia.

GOLES: 1-0 (Bruno Di Benedetto, min. 4). 1-1 (João Rodrigues, min. 7). 1-2 (Pau Bargalló, min. 15). 2-2 (Bruno Di Benedetto, min. 17). 3-2 (Bruno Di Benedetto, min. 33). 3-3 (Pau Bargalló, min. 37). 3-4 (Pau Bargalló, min. 45). 3-5 (João Rodrigues, min. 50). 3-6 (Marc Grau, min. 50).

OK Liga 22/23, Playoffs polo título. Terceiro partido das finais. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).

Deixa un comentario