CRÓNICA #LiceoReus | Tres puntos entre a tolemia (4-3)

CRÓNICA #LiceoReus | Tres puntos entre a tolemia (4-3)

9 de novembro de 2025


Toni Pérez foi protagonista cun dobrete. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

O Liceo vence ó Reus nun partido trepidante que decidiu un gol de Nil Cervera a falta de dous minutos.

Riazor foi un manicomio con final feliz. Un de cor verdibranca co Liceo como vencedor no gran duelo que tiña ante o Reus Deportiu, conxunto que partía como colíder e que non lle puxo nada fáciles as cousas ós de Juan Copa. Tres puntos, un total de 17 e primeiro posto provisional tras esta oitava xornada de Fase Regular.

Como cabía esperar dunha proba así, a emoción non faltou nunha primeira parte chea de ocasións. Atacaba o Liceo, atacaba o Reus e ambos porteiros lucíanse. Pasaron dez minutos ata que finalmente alguén acertou, e foi neste caso o equipo visitante. Joan Salvat, máximo anotador dos reusenses, sumou unha diana máis á súa conta particular para poñer o 0-1 parcial.

Nil Cervera anotou o gol definitivo. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

Dous minutos durou a ledicia visitante. Os que se tardaron ata que Nuno Paiva, cunha excelente xogada individual, igualou as cousas (e aportou máis xustiza). Recolleu a bóla en pista propia, avanzou veloz pola dereita e superou a Càndid Ballart no man a man. Empate a un mentres as faltas seguían por parte catalana: ata 9 cometeron no primeiro acto.

Dobrete de Toni e peche de Nil

Esa décima infracción dos cataláns tiña que chegar e así foi, aínda que Arnau Xaus non logrou transformala no hipotético 2-1. Ese resultado foi finalmente unha realidade pero grazas a Toni Pérez, estrela do segundo acto que con dous grandes remates ó primeiro toque logrou anotar un dobrete (3-1).

O Reus, sen embargo, reaccionou para igualar en dous minutos. Lograron marcar tanto Pol Martínez como Guillem Jansà en dúas xogadas desafortunadas para a defensa liceísta. Sen embargo, precisamente un dos seus integrantes foi o encargado de decidir o asunto: Nil Cervera, a falta de dous minutos, marcou un golazo que fixo estoupar Riazor co 4-3. Final, tres puntos e mente na visita a Noia do vindeiro domingo (12:00h).

FICHA TÉCNICA

LICEO: Blai Roca; Nil Cervera, Arnau Xaus, César Carballeira, Dava Torres (quinteto inicial), Jacobo Copa, Nuno Paiva, Fran Torres, Toni Pérez e Eloi Martínez (meta suplente).

REUS: Càndid Ballart; Joan Salvat, Maxi Oruste, Marc Julià, Martí Casas (quinteto inicial), Pol Martínez, Diego Rojas, Carles Casas, Guillem Jansà e Nil Viña (meta suplente).

ÁRBITROS: Miguel Díaz Cosme e Jonathan Sánchez García. Mostraron cartón amarelo a Juan Copa e Jordi García, adestradores de ambos equipos. Tamén viu o azul César Carballeira.

GOLES: 0-1 (Joan Salvat, min. 10). 1-1 (Nuno Paiva, min. 12). 2-1 (Toni Pérez, min. 32). 3-1 (Toni Pérez, min. 41). 3-2 (Pol Martínez, min. 42). 3-3 (Guillem Jansà, min. 44). 4-3 (Nil Cervera, min. 48).

RECINTO E INCIDENCIAS: OK Liga 25/26, Xornada 8 da Fase Regular. Pazo dos Deportes de Riazor. 1.000 espectadores.