CRÓNICA | Vitoria ante un bo Noia (3-0)

O Deportivo Liceo supera ó conxunto catalán no Agra I e acumula 62 puntos de 75 posibles a falta de tres.

Dava Torres celebra un dos seus tres tantos. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

Os deberes xa están feitos, polo menos de momento, pero as vitorias non paran de chegar. O Deportivo Liceo de Juan Copa venceu ó Noia nun complicado duelo de segundo contra terceiro no Polideportivo Agra I da Coruña, escenario doutro gran traballo da expedición verdibranca. A falta dun partido de OK Liga regular acumula 62 puntos de 75 posibles.

Sen urxencias en ambos, galegos e cataláns escasearon en riscos. Viuse un partido igualado con ocasións que encumbraron ós porteiros Carles Grau e Xus Fernández, chaves para que o 0-0 vivira ata os compases finais do acto inicial. O primeiro detivo dúas claras de Aleix Esteller e o segundo un man a man de Roberto Di Benedetto.

Dava Torres, Roberto Di Benedetto e Jordi Adroher pugnan co visitante Xavi Costa. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

O que anotou o 1-0 foi Dava Torres, autor do seu gol número 31. Robou tras un mal pase do Noia, encarou ó meta e superouno cunha gran acción.

Acerto e paradas de Martín

Martín Garaboa substituíu a Grau tras regresar á pista e mantivo o nivel. O gardarredes foi otra dor de cabeza para os atacantes visitantes mentres os locais melloraban con respecto á primeira parte.

Protagonizaron varias ocasións de gran perigo que auguraban un 2-0 chegado mediante Dava Torres (minuto 33), o protagonista total do encontro. Completou o seu hat trick no 48 desde o punto de penalti para acumular un total de 33 dianas no que vai de curso.

A OK Liga tomarase agora un descanso para darlle paso á Golden Cup, que terá lugar en A Coruña do 11 ó 17 de abril.

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Carles Grau; Dava Torres, Àlex Rodríguez, Roberto Di Benedetto, Jordi Adroher (quinteto inicial), César Carballeira, Maxi Oruste, Jordi Burgaya, Marc Grau e Martín Garaboa.

NOIA: Xus Fernández; Aleix Esteller, Toni Salvadó, Roc Pujadas, Adrià Ballart (quinteto inicial), Xavi Costa, Alex Joseph, Joan Tormo, Guillem Montserrat e Blai Roca.

ÁRBITROS: Sánchez García e Mier Sánchez. Mostraron cartón azul ó visitante Aleix Esteller.

GOLES: 1-0 (Dava Torres, min. 22). 2-0 (Dava Torres, min. 33). 3-0 (Dava Torres, de penalti, min. 48).

Xornada 25 da OK Liga 21/22. Polideportivo Agra I (A Coruña).

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on pinterest

Deixa un comentario