CRÓNICA #OKLiga | Toni, Bruno e Xaus axustizan ó Lleida (3-1)

CRÓNICA #OKLiga | Toni, Bruno e Xaus axustizan ó Lleida (3-1)

14 de decembro de 2025


O Liceo despide o 2025 cunha vitoria realmente traballada en Riazor, útil para sumar 29 puntos sobre 26 posibles.

Fin ó ano competitivo con grandes novas para o Liceo, vitorioso na visita do Lleida a Riazor. Non sen sudor, pero os tres puntos quedaron na Coruña para colocar ós de Juan Copa segundos a falta do que faga o Igualada. Son 29 unidades sobre 36 posibles.

Todo empezou a un baixo ritmo que pouco a pouco foi espertando. Despois do redor de dez minutos iniciais de tanteo, os ataques empezaron a reclamar o seu protagonismo cando ó visitante Toni Miguélez lle anularon un tanto por infracción previa. Tampouco subiu ó marcador, pero por outras razóns, a ocasión liceísta máis clara nos 25 iniciais: Fran Torres, ó quite para finalizar unha excelente xogada colectiva ó primeiro toque, non foi quen de superar ó meta Xavi Bosch. O descanso chegou a Riazor sen goles que ofrecer, pendentes dunha segunda metade que o arreglara.

O segundo acto foi decisivo

Non puido ser máis distinto ó primeiro. Chegaron tódalas oportunidades xuntas, e por ende os goles, que sorriron ó que os mereceu máis: o Liceo, que xa avisou con dúas claras de Bruno e de César; ademáis dun pau de Dava. Foi finalmente Toni Pérez quen, cal rematador clásico, enviou ó fondo da rede de Bosch un rexeite dentro da área (1-0, minuto 39).

Toni Pérez abriu a lata para empezar a darlle a vitoria a un Liceo que mereceu máis

Ampliou distancias Bruno Saavedra co gol que tanto se lle resistiu anteriormente, pero o partido estaba moi lonxe de acabar. A décima infracción liceísta mandou ó punto da directa a Darío Giménez, que cunha gran definición foi quen de superar a Blai Roca (2-1, minuto 46). Afortunadamente, a mesma circunstancia exacta acabou co 3-1 definitivo de Arnau Xaus. Final do partido e do hockey para 2025, que regresará para o Liceo o 4 de xaneiro coa visita a Alcoi.

FICHA TÉCNICA

LICEO: Blai Roca; Nil Cervera, César Carballeira, Dava Torres, Toni Pérez (quinteto inicial), Arnau Xaus, Nuno Paiva, Bruno Saavedra, Fran Torres e Martín Rodríguez (meta suplente).

LLEIDA: Xavi Bosch; Toni Miguélez, Fabri Ciocale, Martí Gabarró, Jordi Badia (quinteto inicial), Sebas Moncusí, Sergi Duch, Darío Giménez e Javi Sánchez (meta suplente).

ÁRBITROS: Josep Antoni Ribó Navarro e Nicolás Morandeira Sánchez. Ensinaron o cartón amarelo a Juan Copa, adestrador do Liceo. Mostraron tarxeta azul a Toni Pérez e a Dava Torres por parte do Liceo, ademáis de a Toni Miguélez no Lleida.

GOLES: 1-0 (Toni Pérez, min. 39). 2-0 (Bruno Saavedra, min. 45). 2-1 (Darío Giménez, min. 46). 3-1 (Arnau Xaus, min. 47).

RECINTO E INCIDENCIAS: OK Liga 25/26, Xornada 12 da Fase Regular. Pazo dos Deportes de Riazor.