CRÓNICA OK LIGA (Cuartos de Final, Partido 1) | Triunfo sufrido pero satisfactorio (5-4)

O Deportivo Liceo vence ó Igualada tras prórroga e queda a un triunfo da clasificación para as semifinais polo título.

Àlex Rodríguez, autor de catro goles decisivos (centro). Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

O Deportivo Liceo de Juan Copa chegou á primeira das súas horas da verdade e non defraudou. Debía gañar e gañou, aínda que fose con sufrimento e tras unha prórroga. O playoff polo título da OK Liga comezou da mellor forma para os homes de verdibranco, triunfantes ante o Igualada para quedarse a unha única vitoria máis das semifinais por renovar o entorchado do curso pasado.

Diante dun Riazor sabedor da importancia do choque e con Arnau Canal como descarte por problemas físicos, o Liceo saíu ben á pista pero debeu superar as dificultades propias deste tipo de compromisos. Tras un remate ao longueiro de Dava Torres (minuto 3) chegou o 0-1 dos visitantes. Foi de Uri Llenas, listo no segundo pau para rematar un pase aliado.

O Deportivo Liceo debeu remontar o 0-1 inicial de Uri Llenas

Non aturdiu ós homes de Copa. Dava atopou de novo o longueiro e Sito sufriu unha gran parada do porteiro Torrents no seu remate a bocaxarro, pero a pesar do accidente, a tendencia estaba clara. Só atacaba un equipo.

Polo seu propio peso

Os liceístas prolongaron a reacción e fixérono da mellor maneira. As anteriores ocasións erradas precederon ás acertadas. No minuto 12, Álex Rodríguez empatou (1-1) e aportou algo máis de xustiza ó marcador despois dun disparo potente que tocou o porteiro catalán, aínda que a bóla terminou dentro igualmente.

A intensidade dos ataques foi demasiada para un Igualada cada vez máis aculado na súa zona. Tiña que chegar nalgún momento e chegou. Todo comezou nunha gran xogada individual de Sito Ricart, que enfrontou a Nil Cervera e forzou o seu cartón azul.

Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

Rodríguez foi o encargado do 2-1, sen nervos despois de ver que Torrents detivera o lanzamento directo. O descanso chegou cos homes de Juan Copa loitando aínda por un terceiro gol.

Reacción notable do Igualada

O Liceo continuou atacando nos primeiros cinco minutos da reanudación e atopou ese terceiro: o hat trick de Rodríguez (min. 30). Non se detivo aí. Tamén marcou Dava Torres no minuto 40, batendo por baixo a Torrents. Parecía a sentenza, pero non foi así.

O Igualada reaccionou tamén a un gran nivel. Tras estar o Liceo preto do 5-1, Mats Zilken reduciu distancias nunha xogada polémica. Foi no minuto 43. Tres minutos despois, Marimon e Riba conseguiron empatar aproveitando a dinámica positiva do conxunto. Marcador de 4-4. O partido dirixiuse irremediablemente á prórroga.

Un Rodríguez de novo decisivo

En dez minutos para decidir todo, o cansanzo e a indecisión trataron de impoñerse. O xogo íase decantar por detalles minúsculos e así foi. O que decidiu todo foi a décima falta cometida polos homes de Cesc Fernández.

Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

Rodríguez, autor do hat trick anterior, foi o home que decidiu o destino deste primeiro partido de cuartos. Tal como ocorreu no 2-1, aproveitou o rexeite do lanzamento da súa directa para marcar a segundos do descanso da prórroga. A segunda metade de todos os seus compañeiros foi un exemplo de resistencia e xestión, ata que a bocina finalmente decretou a vitoria coruñesa.

Ambos conxuntos contarán agora con unha semana enteira de descanso e preparación antes de enfrontar o segundo partido da eliminatoria. A acción retomarase en Les Comes o próximo sábado 20 ás 19:30h.

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Bruno Di Benedetto, César Carballeira, Dava Torres, Àlex Rodríguez (quinteto inicial), Sito Ricart, Pol Manrubia, Fran Torres, Fabri Ciocale e Mati Bridge (meta suplente).

IGUALADA: Guillem Torrents; Uri Llenas, César Vives, Marc Carol, Aleix Marimon (quinteto inicial), Nil Cervera, Gerard Riba, Bernat Yeste, Mats Zilken e Xavi Bosch (meta suplente).

ÁRBITROS: Miguel Díaz Cosme e David Cantos Bonales. Mostraron cartón azul ó técnico Juan Copa por parte do Deportivo Liceo. Víronna tamén os visitantes Nil Cervera e César Vives.

GOLES: 0-1 (Uri Llenas, min. 5). 1-1 (Àlex Rodríguez, min. 12). 2-1 (Àlex Rodríguez, min. 19). 3-1 (Àlex Rodríguez, min. 30). 4-1 (Dava Torres, min. 40). 4-2 (Mats Zilken, min. 45). 4-3 (Aleix Marimon, min. 46). 4-4 (Gerard Riba, min. 47). 5-4 (Àlex Rodríguez, min. 55).

OK Liga 22/23, Playoffs polo título. Primeiro partido de Cuartos de Final. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on pinterest

Deixa un comentario