CRÓNICA #OKLiga (X20) | Táboas contra o Igualada (3-3)

CRÓNICA #OKLiga (X20) | Táboas contra o Igualada (3-3)

1 de marzo de 2026


O duelo entre o Liceo líder e o segundo clasificado sáldase cun punto para cada un.

O mellor partido posible da presente OK Liga non deixou gañador algún. Tampouco perdedor. Liceo e Igualada empataron sen consecuencias a nivel clasificatorio: uns continuarán de primeiros con sete puntos de vantaxe (51 en total) e outros de segundos. Así rematou a data número 20 desta Fase Regular, unha que xa vive a súa recta final.

O certo é que as expectativas non defraudaron tendo en conta o cartel do mediodía coruñés. Os dous contendentes ofreceron un partidazo de principio a fin, cos cataláns adiantándose en primeira instancia grazas ó exliceísta Matías Pascual; un gol que non tardou demasiado en igualar Nuno Paiva. O portugués, unha das figuras do partido, aproveitou un pase de Dava Torres para batir ó meta Arnau no man a man.

Do caos á táctica

O Igualada tivo o seu momento neste primeiro acto e aproveitouno con dúas dianas: unha de Joel Roma tras contraataque e outra de Roger Bars nun penalti (1-3). Todo antes de que ese momento pasara a ser propiedade do Liceo por completo. Acurtou de novo Nuno con outro golazo, activou todavía máis a un Riazor entregado e xusto antes do descanso igualou Jacobo Copa ó rematar unha gran xogada colectiva. Empate a tres no entretempo.

A segunda parte estivo máis marcada pola pizarra, pero sen restarlle emoción algunha

E, tras el, viuse un partido totalmente diferente pero igual de emocionante. As pizarras impuxéronse ás individualidades para 25 minutos finais de infarto. Calquera podía gañar e calquera podía caer na décima falta, aguantando un 9-9 durante prácticamente media parte. Nin unha cousa nin a outra. Empate e a pensar na visita a Reus do sábado ás 21:00h.

FICHA TÉCNICA

LICEO: Blai Roca; Nil Cervera, César Carballeira, Dava Torres, Bruno Saavedra (quinteto inicial), Arnau Xaus, Jacobo Copa, Nuno Paiva, Fran Torres e Martín Rodríguez (meta suplente).

IGUALADA: Arnau Martínez; Matías Pascual, Marc González, Roger Bars, Miguel Cañadillas (quinteto inicial), Biel Llanes, Joel Roma, Guillem Llorens, Marc Carol e Jaume Marquès (meta suplente).

ÁRBITROS: Albert Barba e Iñigo López-Leitón. Mostraron o cartón amarelo a Roger Bars por parte do Igualada.

GOLES: 0-1 (Matías Pascual, min. 4). 1-1 (Nuno Paiva, min. 10). 1-2 (Joel Roma, min. 17). 1-3 (Roger Bars de penalti, min. 19). 2-3 (Nuno Paiva, min. 22). 3-3 (Jacobo Copa, min. 25).

RECINTO E INCIDENCIAS: OK Liga 25/26, Xornada 20 da Fase Regular. Pazo dos Deportes de Riazor.