18 de novembro de 2023
O Deportivo Liceo consegue unha nova vitoria tras remontar fronte ó Girona. Dava Torres anotou dous dos catro goles. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.
O ADN Liceo sempre está aí. Volveu a aparecer na visita do Girona, un equipo ben prantado defensivamente que chegou a Riazor con ganas de todo. Esixiu o máximo do conxunto de Juan Copa, que finalmente sumou o seu terceiro triunfo consecutivo na OK Liga e un total de 15 puntos (terceira posición provisional).
Ambición e capacidade de resistencia
O certo é que só a primeira parte ofreceu diferentes situacións de partido. Para empezar, Riazor e os seus centos de Liceístas disfrutaron dun intelixente 1-0 de Dava Torres: sorprendeu ó veterano Llaverola aparecendo desde detrás da súa portería (minuto 6) e colando a bóla pegada ó pau esquerdo.
Para continuar, contraatacar foi unha obriga ante a reacción catalana. No 11 empatou Borja Ramón e no 16 remontou Aleix Domènech. Cinco minutos bastaron para que o Liceo respondera. Fíxoo cunha convocatoria de nove xogadores completada polo canteirán Jaime Méndez, aínda que non chegou a patinar. Empatou César Carballeira tras culminar un gran pase do capitán, facendo xustiza ó número de ocasións de cada contrincante. Chegouse así ó intermedio.
Efectividade e boa xestión
Pasaron oito segundos de segunda metade ata que chegou o 3-2. Fíxoo de novo o dorsal 5, que o celebrou con gran rabia. Un gol que marcou toda a parte. Deu comezo a unha xestión inmellorable da vantaxe, que incluso creceu.
Dava Torres, tras un cartón azul ó visitante Marc Vázquez, superou na directa a Llaverola cun disparo raso que colocou o 4-2. O empuxe do Girona apareceu, pero tanto a defensa como Martí Serra (de novo titular) evitaron produtividade. Tamén o longueiro, aínda que o remate de Biel Nadal chegou cando o partido xa moría. Final e alegría.
Un bo resultado na previa dunha dura proba: a visita ó Palau Blaugrana do Barcelona (sábado 25, 17:15h).
FICHA TÉCNICA
DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Sito Ricart, César Carballeira, Dava Torres, Fabri Ciocale (quinteto inicial), Tomás Pereira, Pablo Cancela, Jaime Méndez e Tiago Rodrigues (meta suplente).
GIRONA: Jaume Llaverola; Àlex Grau, Django Bogers, Marc Vázquez, Moi Aguirre (quinteto inicial), Aleix Domènech, Marc Puigvert, Biel Nadal, Borja Ramón e Pau Fernández (meta suplente).
ÁRBITROS: David Cantos Bonales e Alberto Pérez Pérez. Mostraron cartón azul ó visitante Marc Vázquez.
GOLES: 1-0 (Dava Torres, min. 6). 1-1 (Borja Ramón, min. 11). 1-2 (Aleix Domènech, min. 16). 2-2 (César Carballeira, min. 21). 3-2 (César Carballeira, min. 26). 4-2 (Dava Torres, min. 32).
OK Liga 23/24. Xornada 8 da Fase Regular. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).