18 de outubro de 2025
Nuno Paiva foi chave con dous dos tres goles do equipo. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.
O Liceo suma a súa cuarta vitoria consecutiva en Riazor e ante o Calafell para terminar a quinta xornada como novo líder.
Os árbitros non concederon un gol de Toni Pérez que botou dentro da portería visitante.
Os puntos traballados con sudor e sufrimento saben mellor. Esas palabras pódense aplicar ós que logrou o Liceo contra o Calafell, útiles ademais para continuar unha xeira de vitorias que xa alcanza as catro nun total de cinco encontros. Ante un Riazor entregado cando máis o necesitaban, Juan Copa e os seus homes tiraron de novo de ADN para sacar o traballo adiante. Son 13 unidades de 15 posibles que aúpan ós coruñeses á primeira posición da clasificación.
O certo é que a cousa non empezou ben para os intereses dos locais, que viron como Aleix Marimon adiantaba ó Calafell ós quince segundos do asubío inicial. Recibiu no costado esquerdo, disparou cruzado e superou a Blai Roca.
Marimon adiantou ó Calafell ós poucos segundos, pero o Liceo acabou por reaccionar de forma solvente
Un inicio complicado que o Liceo intentou remediar desde o principio, primeiro cun man a man realmente claro de Toni Pérez que detivo o exverdibranco Martí Serra. Tocaba loitar.
Botar dentro non foi suficiente
Tamén foi protagonista o 57 na xogada máis polémica do encontro. Conduciu Dava Torres, enviou a Toni e o asturiano rematou ó longueiro. A bóla botou claramente dentro, pero os árbitros do choque decidiron non dar o gol ante as protestas do milleiro de liceístas presentes no Pazo dos Deportes. Tampouco puideron ver como, no primeiro acto, a multitude de achegamentos dos seus non deron froitos.
Unha máis que merecida remontada
Diferente foi no segundo, cando o desequilibrio entre ambos contendentes xa rozou o absurdo. Serra detivo un man a man máis, esta vez de Bruno Saavedra, antes de que Nuno Paiva puxera algo máis de xustiza ó marcador. Un golazo (1-1) que fixo retumbar ó respetable, pero a cousa non debía parar.
Nuno Paiva e Arnau Xaus déronlle a volta ó marcador para darlle o triunfo ós verdes
Iso foi no minuto 32. No 34, Arnau Xaus culminou a remontada e no 36 repetiu o portugués para poñerse 3-1. Un resultado moito máis representativo do que estaba ocorrendo. Aínda así, tocou sufrir. Se Marimon marcou no segundo 15, eran 35 os que quedaban cando fixo o 3-2. Os de Juan Copa defenderon contra cinco homes de pista con uñas e dentes. Houbo final feliz. Agora a pensar en dúas saídas consecutivas: primeiro a Sant Just (sábado 25) e logo a Igualada (domingo 2).


FICHA TÉCNICA
LICEO: Blai Roca; César Carballeira, Dava Torres, Nuno Paiva, Toni Pérez (quinteto inicial), Nil Cervera, Arnau Xaus, Jacobo Copa, Bruno Saavedra e Martín Rodríguez (meta suplente).
CALAFELL: Martí Serra; Jepi Selva, Biel Pujadas, Aleix Marimon, Sergi Folguera (quinteto inicial), Carles Domenech, Jero García, Joan Pujalte, Quim Gabarró e Josep María Virgili (meta suplente).
ÁRBITROS: Miguel Díaz Cosme e Alberto Pérez Pérez. Mostraron tarxeta azul a Toni Pérez no Liceo e a Sergi Folguera no Calafell. Tamén a amarela ó liceísta Dava Torres e ó visitante Quim Gabarró.
GOLES: 0-1 (Aleix Marimon, min. 1). 1-1 (Nuno Paiva, min. 32). 2-1 (Arnau Xaus, min. 34). 3-1 (Nuno Paiva, min. 36). 3-2 (Aleix Marimon, min. 50).
RECINTO E INCIDENCIAS: OK Liga 25/26, Xornada 5 da Fase Regular. Pazo dos Deportes de Riazor. 1.000 espectadores.

