20 de xaneiro de 2024
Acción do capitán Dava Torres, autor do empate final. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.
O Deportivo Liceo e o Calafell suman un punto despois de ofrecer un emocionante partido a Riazor.
Partidazo e empate. O Deportivo Liceo de Juan Copa deuno todo ante un moi bo Calafell para seguir sumando por segunda xornada consecutiva. Paso a paso e ata un total de 20 puntos que elevan ó equipo da novena á oitava praza dentro dunha zona media extremadamente igualada (a terceira está a tan só dous).
O hockey regresou a Riazor máis dun mes despois e só tardará cinco días en repetilo. Será o próximo xoves ás 20:30h, data na que os liceístas recibirán ó Forte italiano (xornada 4 de Champions).
Toma e daca
O partido prometeu emocións fortes tan só ós 29 segundos de comezar. Tempo suficiente para que César batese a Gerard Camps e puxese por diante ós de Copa. Recolleu un rexeite do seu propio disparo para anotar e oficializar dez minutos de liderado ante un Calafell que para nada se amedrentou.
No minuto 11, os de Ferran López empataron mediante Jordi Ferrer. O 5 aproveitou intelixentemente unha avanzada do exverdibranco Miras pola dereita, momento no que iniciou un reparto de golpes tan interesante para o espectador como exasperante para os banquiños.
A primeira lección foi de Pablo Cancela, que viu porta varias semanas despois (minuto 14) tras unha boa xogada de Fabri Ciocale polo costado esquerdo. Despois chegaron as oportunidades dos visitantes.
Primeiro a través dun penalti de Guido cometido sobre o mencionado Ferrer, aínda que Martí Serra neutralizou a definición de Sergi Miras. A tarxeta azul vista por Pellizzari na acción, iso si, provocou un power play que o Calafell non desaproveitou (2-2 de Arnau Xaus, minuto 21).
Compromiso ante a adversidade
O seguinte golpe, xa na segunda metade, veu do stick de Sito Ricart. Apareceu alí tras unha xogada embrollada, aínda que a alegría non durou moito. O guion trepidante do partido fixo que o Calafell remontase en tan só dous minutos (30-32): primeiro a través de Miras cun disparo lonxano e posteriormente grazas ó propio Xaus, que completou o seu dobrete (3-4).
Non se rendiron os homes de Juan Copa. Nunca o fan, veñan boas ou malas. Buscaron a igualada ante unha férrea defensa que aproveitou calquera resquicio de contraataque. Finalmente chegou o premio. Foi obra de Dava Torres no minuto 42 ó cazar un disparo de César escupido polo longueiro. Restaron oito minutos nos que o gol puido caer de calquera lado, pero quedou onde estaba.
FICHA TÉCNICA
DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Sito Ricart, César Carballeira, Dava Torres, Fran Torres (quinteto inicial), Tomás Pereira, Fabri Ciocale, Pablo Cancela, Guido Pellizzari e Tiago Rodrigues (meta suplente).
CALAFELL: Gerard Camps; Joan Pascual, Arnau Xaus, Jordi Ferrer, Sergi Miras (quinteto inicial), Oriol Vives, Jepi Selva, Carles Domènech e Marc Solans (meta suplente).
ÁRBITROS: Miguel Díaz Cosme e Pablo Nicieza Elosegui. Mostraron tarxeta azul ó liceísta Guido Pellizzari.
GOLES: 1-0 (César Carballeira, min. 1). 1-1 (Jordi Ferrer, min. 11). 2-1 (Pablo Cancela, min. 14). 2-2 (Arnau Xaus, min. 21). 3-2 (Sito Ricart, min. 30). 3-3 (Sergi Miras, min. 30). 3-4 (Arnau Xaus, min. 32). 4-4 (Dava Torres, min. 42).
OK Liga 23/24. Xornada 15 da Fase Regular. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).