CRÓNICA #WSECL (X6) | Empate na visita do Benfica (4-4)

CRÓNICA #WSECL (X6) | Empate na visita do Benfica (4-4)

5 de febreiro de 2026


Un moi bo Liceo roza unha vitoria que só evitou un gol a falta de dous minutos para o final.

Excepcional esforzo con pouco premio para o que se merecían os de casa. Liceo e Benfica (con pleno de vitorias ata hoxe) empataron nun encontro de altísimo ritmo que os de Juan Copa rozaron cos dedos, pero foron as táboas as que reinaron e colocaron ós verdibrancos cun total de 8 puntos, terceiros e dentro de postos de Final 8.

O ritmo do partido foi máximo durante os 50 minutos

Riazor podía ser testemuña dun partido de clase mundial e non decepcionou, aínda que primeiro viviu malas novas por culpa dun bo contraataque comandado por Di Benedetto e rematado por Nil Roca. O benfiquista adiantou ós de Edu Castro, que pouco disfrutou da vantaxe do seu equipo. Dava Torres empatou un minuto despois para delirio dos presentes, e posteriormente asistiu para que Toni Pérez marcara o gol da remontada parcial. Un ó seu estilo, de remate ó primeiro toque dentro da área.

Un gran Blai Roca ante a pólvora portuguesa

As faltas marcaron un 9 para cada equipo cun mundo por diante, así que toda a lóxica imaxinable insinuaba que as directas chegarían pronto. Así foi. No caso do Benfica, útil para empatar (2-2) grazas ó tanto de Zé Miranda; diana neutralizada inmediatamente por Bruno Saavedra. Posteriormente foi o dorsal 13 quen non logrou transformar a décima infracción visitante, e quen posteriormente foi rigorosamente expulsado polos colexiados italianos ó apreciar unha presunta agresión.

Bruno Saavedra foi rigorosamente expulsado polos árbitros italianos

Lucas Ordóñez aproveitou esa circunstancia de superioridade lisboeta para igualar a tres goles, pero a resistencia verdibranca debeu alongarse tras iso e estivo, sobre todo, baixo os brazos dun Blai Roca colosal.

O que no final parecía o gol definitivo do Liceo (Nuno Paiva, minuto 47) foi rápidamente contestado con outro de Gonçalo Pinto. Final e empate.

FICHA TÉCNICA

LICEO: Blai Roca; César Carballeira, Dava Torres, Nuno Paiva, Toni Pérez (quinteto inicial), Nil Cervera, Arnau Xaus, Jacobo Copa, Bruno Saavedra e Martín Rodríguez (meta suplente).

BENFICA: Conti Acevedo; Zé Miranda, Roberto Di Benedetto, Nil Roca, João Rodrigues (quinteto inicial), Diogo Rafael, Vítor Oliveira, Lucas Ordóñez, Gonçalo Pinto e Pedro Henriques (meta suplente).

ÁRBITROS: Massimiliano Carmazzi e Joseph Silecchia (Italia). Expulsaron con cartón vermello directo ó liceísta Bruno Saavedra. Tamén mostraron o amarelo a Toni Pérez.

GOLES: 0-1 (Nil Roca, min. 3). 1-1 (Dava Torres, min. 4). 2-1 (Toni Pérez, min. 7). 2-2 (Zé Miranda, min. 35). 3-2 (Bruno Saavedra, min. 38). 3-3 (Lucas Ordóñez, min. 40). 4-3 (Nuno Paiva, min. 47). 4-4 (Gonçalo Pinto, min. 48).

RECINTO E INCIDENCIAS: WSE Champions League 25/26, Xornada 6 da Fase de Grupos. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).