9 de xaneiro de 2025
Imaxe: MANU BOUTUREIRA.
O Liceo, sostido en portería por un Martí Serra estelar, suma un punto ante o líder Benfica.
Ás veces, os empates sen goles teñen máis emoción cós que si os teñen. O Deportivo Liceo e o Benfica brindáronlle a Riazor un espectáculo de altísimo nivel na quinta xornada da Fase de Grupos da Champions. Un resultado que deixa ós de Juan Copa con seis puntos, suficientes para manter a cuarta posición no Grupo B, a última que concede o pase ós Cuartos de Final.
O gran artífice deste empate foi, sen dúbida, Martí Serra. O porteiro verdibranco foi un muro inquebrantable. Desde o minuto 1 ata o 50, o dorsal 10 resistiu unha ofensiva constante por parte dos portugueses. O seu recital de paradas comezou cedo, cun penalti executado por Rodrigues que Serra conseguiu deter con mestría, marcando o ton do que sería unha noite espectacular.
Unha intensidade doutro nivel
O esixente traballo de Serra non implicou que o Liceo se sentara a velas vir. Tamén houbo oportunidades realmente claras para que os de Copa se adiantaran no marcador: primeiro mediante dous tiros potentes de Nil Cervera e Dava Torres. Foi un vendaval de achegamentos perigosos para ambos.


A máis clara para os de Riazor, sen dúbida, tivo a sinatura de Bruno Saavedra. O 13 atopouse absolutamente só ante a presenza de Pedro Henriques, que non chegou ó nivel do seu homólogo pero tampouco quedou lonxe.
Puido gañar calquera
Nil Roca, o benfiquista, avisou claramente de que a segunda metade ía ser igual. Tiro ó ferro para manter a concentración dos 10 de pista. Respondeu Arnau Xaus con outro man a man similar ó anterior de Bruno, no que o meta visitante replicou actuación. Todos intentaban marcar pero os porteiros facíanse valer.


Martí Serra, un dos nomes propios do encontro, continuou coa súa exhibición. Foi quen de deter intentos de xogadores de altísimo nivel como Bargalló, Di Benedetto, Ordóñez ou o resto da poderosa artillería do Benfica de Edu Castro, que ata ese momento gañara tódolos seus partidos europeos.
A emoción chegou ó seu punto álxido a falta dun minuto para o final. Un contraataque verdibranco de tres contra un estivo a piques de decantar a balanza a favor dos de Juan Copa. Porén, o único defensor portugués conseguiu neutralizar o intento, privando ó Liceo da oportunidade máis clara do partido.
O encontro rematou cun empate sen goles e agora toca pasar páxina rapidamente. O próximo compromiso será o domingo ás 12:30h no Pavelló Riera Seca (Mollet del Vallés), onde o Deportivo Liceo xogará contra ó Voltregà. Este duelo servirá para pechar a primeira volta da OK Liga.
FICHA TÉCNICA
DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Nil Cervera, César Carballeira, Dava Torres, Bruno Saavedra (quinteto inicial), Arnau Xaus, Jacobo Copa, Fabri Ciocale, Jaime Méndez e Martín Rodríguez (meta suplente).
BENFICA: Pedro Henriques; Pau Bargalló, Nil Roca, Roberto Di Benedetto, João Rodrigues (quinteto inicial), Zé Miranda, Diogo Rafael, Lucas Ordóñez, Gonçalo Pinto e Bernardo Mendes (meta suplente).
ÁRBITROS: Filippo Fronte e Claudio Ferraro (Italia). Sin tarjetas.
GOLES: Non houbo.
INCIDENCIAS: Xornada 5 da WSE Champions League 24/25, Fase de Grupos. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).