29 de febreiro de 2024
IMAXE: MANU BOUTUREIRA.
O Deportivo Liceo vende cara a súa pel ante o Barcelona e despídese da Champions 23/24.
A aventura europea do Deportivo Liceo chega á súa fin. A sexta xornada da Fase de Grupos trouxo como colofón todo un Clásico que finalmente levou o Barcelona, aínda que Riazor e os xogadores de Juan Copa non se rendiron en ningún momento.
A WSE Champions League 23/24 xa non contará cos verdibrancos como participantes, pero os últimos meses de competición aínda lles ofrecen o gran reto de progresar na OK Liga.
Intensidade para todos
Aínda que ninguén se xogaba nada, o ritmo non foi precisamente baixo. Tanto o Liceo (sen opcións de clasificación) como o Barcelona (primeiro clasificado de forma matemática) comezaron o partido co obxectivo claro de facer dano ó outro. Foi un xogo igualado nos primeiros dez minutos. Finalmente, os culés terminaron por diante: responsabilidade de Marc Grau, que rematou un pase ó segundo pau de Pau Bargalló (minuto 9).
Dous despois, Ignacio Alabart dobrou a vantaxe e complicou máis aínda as circunstancias do Deportivo Liceo. A pesar diso, os xogadores de Copa continuaron buscando o gol e rozárono por milímetros nun man a man de Sito Ricart. O dorsal 2 recibiu a bóla, plantouse diante de Sergi Fernández e a súa definición petou no longueiro antes de botar fóra da liña. Pouca sorte antes de darlle a benvida ó descanso.
Un final trepidante e un Tiago estelar
O resultado non estaba pechado de ningún xeito, nada máis lonxe da realidade. Menos cando, ós cinco minutos do retorno, Dava Torres acurtou distancias cun disparo raso. A bóla avanzou ante non poucos xogadores, envelenouse e sorprendeu ó porteiro barcelonista.
A ledicia durou pouco, xa que Alabart asinou o seu dobrete pouco despois. Non empañou unha gran actuación de Tiago Rodrigues, titular nesta última xornada para ofrecer un catálogo amplo de intervencións. Algunhas delas, de moito mérito. Mantivo a diferenza de dous tantos ata que Fabri Ciocale, cun disparo lonxano potentísimo, puxo o 2-3 parcial.
Quedaba un cuarto de hora de loita e ningún dos dous contendentes decepcionou. Os de Juan Copa buscaron insistentemente o empate e os de Edu Castro a sentenza. Houbo catro ocasións blaugranas ó poste, mentres que o Deportivo Liceo non parou de acosar a meta de Sergi Fernández. No minuto 50 intentárono con cinco de pista e sen sorte. Tras unha decisión controvertida dos colexiados, que rematou cunha tarxeta azul a César, Marc Grau aproveitou a meta baleira e colocou o 2-4 definitivo.
A próxima proba para Juan Copa e os seus xogadores xogarase en breves: será o domingo ás 12:30h en Girona (OK Liga).
FICHA TÉCNICA
DEPORTIVO LICEO: Tiago Rodrigues; Sito Ricart, César Carballeira, Dava Torres, Fabri Ciocale (quinteto inicial), Tomás Pereira, Guido Pellizzari, Fran Torres, Pablo Cancela e Martí Serra (meta suplente).
BARÇA: Sergi Fernández; Ignacio Alabart, Pau Bargalló, Marc Grau, João Rodrigues (quinteto inicial), Sergi Panadero, Xavi Barroso, Sergi Llorca, Eloi Cervera e Carles Grau (meta suplente).
ÁRBITROS: Pedro Silva e Paulo Almeida (Portugal). Mostraron tarxeta azul a César Carballeira por parte do Deportivo Liceo.
GOLES: 0-1 (Marc Grau, min. 9). 0-2 (Ignacio Alabart, min. 11). 1-2 (Dava Torres, min. 30). 1-3 (Ignacio Alabart, min. 31). 2-3 (Fabri Ciocale, min. 36). 2-4 (Marc Grau, min. 50).
WSE Champions League 23/24. Xornada 6 da Fase de Grupos. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).