CRÓNICA #OKLiga 25/26 | Tropezo en Igualada (4-0)

CRÓNICA #OKLiga 25/26 | Tropezo en Igualada (4-0)

2 de novembro de 2025


O Liceo cae en Les Comes e sufre a súa primeira derrota ligueira.

Chegou a primeira derrota na OK Liga 25/26, co Igualada como responsable. O Liceo non puido sumar en Les Comes despois dun partido complicado correspondente á sétima data de Fase Regular. Un resultado que mantén ós colexiais como cuartos clasificados con 14 puntos, a dous da cabeza.

As cousas xa non empezaron ben. Dous minutos tardouse para que os árbitros sinalaran o primeiro penalti do partido, favorable ó Igualada con posterior execución de Roger Bars. O capitán local adiantou ós seus para dificultar o camiño do Liceo. Os de verde e branco tampouco abrazaron fortuna cando a pena máxima foi ó seu favor, despois de que non acabara en gol ningún dos tres remates de César. Nin o principal nin os dous rexeites.

Unha primeira parte para esquecer

Coa pólvora fresca que supuxo o redebut de Fran Torres, os de Juan Copa intentaron buscar ese ansiado tanto que puxera as táboas no marcador. O que escapara tan pouco antes. Non houbo éxito. Ó contrario: os locais, de novo mediante Roger Bars, atoparon outra vez o fondo da rede de Blai Roca (2-0, minuto 17). Un golpe duro que precedeu a dous máis: Miguel Cañadillas e Marc González puxeron a cousa 4-0 antes de que a bocina sinalara o descanso.

Intentos sen éxito

O Liceo regresou ben á pista co obxectivo de, polo menos, irse con algún gol no marcador. O bo nivel do porteiro do Igualada impediu calquera posibilidade disto. Arnau detivo primeiro un bo remate de Toni Pérez e posteriormente neutralizou unha falta directa lanzada polo capitán Dava Torres. A segunda parte, polo tanto, acabou igual que a primeira.

Mente posta agora no dobre reto da próxima semana: Oliveirense na estrea europea (xoves, 20:30h) e Reus nunha nova data de OK Liga (domingo, 12:00h), ambos en Riazor.

FICHA TÉCNICA

IGUALADA: Arnau Martínez; Matías Pascual, Marc González, Joan Ruano, Marc Carol (quinteto inicial), Joel Roma, Roger Bars, Miguel Cañadillas, Aleix Borras e Ferran Busquets (meta suplente).

LICEO: Blai Roca; César Carballeira, Dava Torres, Nuno Paiva, Toni Pérez (quinteto inicial), Nil Cervera, Arnau Xaus, Jacobo Copa, Fran Torres e Martín Rodríguez (meta suplente).

ÁRBITROS: Raúl Burgos e Rubén Fernández. Mostraron tarxeta azul ó local Aleix Borras e ó liceísta Jacobo Copa.

GOLES: 1-0 (Roger Bars, de penalti, min. 2). 2-0 (Roger Bars, min. 17). 3-0 (Miguel Cañadillas, min. 19). 4-0 (Marc González, min. 23).

RECINTO E INCIDENCIAS: OK Liga 25/26, Xornada 7 da Fase Regular. Les Comes (Igualada).