CRÓNICA | Empate en Valongo (5-5)

CRÓNICA | Empate en Valongo (5-5)

Dous partidos, unha vitoria e un empate. Así queda o saldo do stage luso do Liceo, que asinou a igualada ante unha sempre perigosa AD Valongo. Fíxoo sen varios membros importantes do plantel na convocatoria.

Sen Maxi Oruste e Jordi Adroher nesta segunda lista, o conxunto de Juan Copa atopou o primeiro gol ós cinco minutos. Foi de Marc Grau, responsable final da remontada ante o Oliveirense. Ó cuarto de hora de xogo, o combinado luso logrou o empate mediante Silva.

Roberto Di Benedetto tivo a oportunidade de devolver a vantaxe ó seu equipo tras unha azul do exliceísta Facu Bridge, pero a bóla non rematou na portería. Así ocorreu coa enviada por Diogo Barata, que instaurou o 2-1 noutra falta directa. El mesmo colocou o 3-1, pero Di Benedetto reaccionou acurtando distancias. O 3-2 campou unha vez chegado o descanso.

A segunda metade ofreceu outros cinco tantos. O primeiro foi de Marc Grau nada máis regresar, pouco antes de que Àlex Rodríguez culminara a remontada (3-4). De todas maneiras, iso mesmo acadou o Valongo mediante Barata (que completou o seu triplete) e Bessa. A sete minutos do final, Rodríguez recuperou un empate (5-5) que sería definitivo.

O vindeiro compromiso de pretempada celebrarase o día 28, con horario aínda por confirmar. Será no Pazo dos Deportes de A Coruña e ante o Sporting de Portugal.

FICHA TÉCNICA

AD VALONGO: Bernardo Mendes; Diogo Barata, Ruben Pereira, Facu Bridge, Rafael Bessa (quinteto inicial), Francisco Silva, Nuno Santos, Diogo Abreu e Miguel Vieira.

DEPORTIVO LICEO: Martín Garaboa; Àlex Rodríguez, Roberto Di Benedetto, Jordi Burgaya, Marc Grau (quinteto inicial), Mati Bridge, César Carballeira e Fran Torres.

GOLES: 0-1 (Marc Grau, min. 5). 1-1 (Francisco Silva, min. 19). 2-1 (Diogo Barata, min. 19). 3-1 (Diogo Barata, min. 22). 3-2 (Roberto Di Benedetto, min. 22). 3-3 (Marc Grau, min. 26). 3-4 (Àlex Rodríguez, min. 30). 4-4 (Diogo Barata, min. 35). 5-4 (Rafael Bessa, min. 36). 5-5 (Àlex Rodríguez, min. 43).

RECINTO: Pavilhão Municipal de Valongo.

Deixa un comentario