CRÓNICA #OKLiga (X18) | Once triunfos seguidos (2-3)

CRÓNICA #OKLiga (X18) | Once triunfos seguidos (2-3)

14 de febreiro de 2026


O Liceo vence en Calafell e acumula outra vitoria máis para seguir forte na primeira posición da Fase Regular.

Non se pode dicir que é sinxelo parar a este Liceo. Co logrado no Joan Ortoll do Calafell, son xa once os triunfos consecutivos que acumulan Juan Copa e os seus xogadores. Primeira praza, 47 puntos e de momento seis de vantaxe sobre o segundo, a falta do que faga o Igualada este domingo. De todos modos, no peor dos casos, a xornada 18 terminará para os verdibrancos con cinco unidades de colchón.

O Calafell, cuarto clasificado, plantou cara pero non foi quen de sacar puntos ante un gran Liceo

Xa avisaron os coruñeses das súas intencións ós dous minutos de xogo, con Dava Torres goleando para poñer por diante ós hoxe visitantes. Un 0-1 parcial que, como cabía esperar, non se mantería así. O Calafell de Guillem Cabestany (cuarto clasificado) tiña que dar guerra e así foi: Carles Domènech, un dos homes destacados dos locais, empatou antes de que o descanso fora realidade.

Toni e Nil para empaquetar os tres puntos

Como os goleadores natos están para desbloquear este tipo de situacións, Don Antonio Pérez apareceu no minuto 36 para devolverlle o triunfo parcial ós de Copa (1-2). Un que xa non soltarían. Para iso foi tamén de gran importancia a actuación dun Blai Roca de novo colosal na portería, sobre todo nunha falta directa de Sergi Folguera que implicaría a igualada.

A falta dun minuto, Nil Cervera aproveitou un bo pase de Nuno Paiva para a porta baleira sentenciar o tema. De nada serviu o desconto de Domènech, que anotou o 2-3 definitivo cando só faltaban cinco segundos de xornada. Triunfo liceísta para celebrar San Valentín e o Entroido.

FICHA TÉCNICA

CALAFELL: Martí Serra; Carles Domènech, Biel Pujadas, Aleix Marimon, Sergi Folguera (quinteto inicial), Jero García, Jepi Selva, Joan Pujalte, Quim Gabarró e Josep María Virgili (meta suplente).

LICEO: Blai Roca; César Carballeira, Dava Torres, Nuno Paiva, Toni Pérez (quinteto inicial), Nil Cervera, Arnau Xaus, Jacobo Copa, Bruno Saavedra e Martín Rodríguez (meta suplente).

ÁRBITROS: Iván González e David Cantos. Mostráronlle o cartón amarelo a Guillem Cabestany, adestrador do Calafell.

GOLES: 0-1 (Dava Torres, min. 2). 1-1 (Carles Domènech, min. 23). 1-2 (Toni Pérez, min. 36). 1-3 (Nil Cervera, min. 49). 2-3 (Carles Domènech, min. 50).

RECINTO E INCIDENCIAS: OK Liga 25/26, Xornada 18 da Fase Regular. Pavelló Joan Ortoll (Calafell).