19 de marzo de 2025
O Deportivo Liceo vence no Joan Ortoll para acumular 46 puntos e continuar na segunda praza.
Deberes feitos na xornada intersemanal. O Deportivo Liceo de Juan Copa, aínda coa vitoria contra o Alpicat recente, volveu a sumar de tres na súa visita ó Pavelló Joan Ortoll de Calafell. Son xa 46 puntos para os verdibrancos, asentados na segunda praza da Fase Regular a falta de cinco encontros para a súa finalización.
Só tres segundos de reloxo tardou o Liceo en adiantarse no marcador, xusto no saque de centro. Viuse o nunca visto. Moveu a bóla Dava, recibiu César e golpeou con violencia para que o propio capitán, cun desvío sutil pero efectivo, confundira a Camps. Tocou o fondo da rede para sorpresa de todos e ledicia dos verdibrancos.
Bruno anulou a reacción do Calafell
O inicio evidentemente non puido ser peor para un cadro de Cabestany que si estivo á altura da circunstancia. A pesar dun palo de Xaus posterior ó 0-1, o Calafell non só atopou os de Martí Serra, senón que o fixo por partida dobre. O meta liceísta tamén debeu estar ollo avizor ante as numerosas ocasións locais. O seu partido foi notable.
O Liceo mostrou, novamente, unha gran defensa
Xusto nese gran momento caseiro, os de Juan Copa volveron dar un golpe na mesa. Moveu a bóla Nil Cervera, atopou a Bruno Saavedra na zona central e o dorsal 13 definiu con potencia e precisión para oficializar o 0-2.
A vantaxe xestionouse con solidez
Non se rendiu o Calafell, que co segundo acto xa en marcha non cesou nos seus empeños. O Liceo sen embargo tiña clara a folla de ruta: ser sólido atrás e aproveitar calquer resquicio para procurar matar o encontro. Cervera, César e Xaus gozaron das dúas máis claras nese sentido, pero os seus mans a mans foron detidos por un bo Camps.
O Calafell contou cun penalti a favor que detivo Martí Serra
Mellor aínda se mantivo o seu homólogo Serra, chave nun dubidoso penalti que acabaría lanzando o exliceísta Sergi Miras. O meta detivo tanto o primeiro chut como o rexeite. Xa con máis fe que cabeza, os de Cabestany deron todo para polo menos acurtar distancias. Incluso con cinco de pista non conseguiron atopar a rede dos visitantes.
O Liceo, co triunfo xa na cesta, espera agora a visita do Noia a Riazor (domingo 23, 12:00h).
FICHA TÉCNICA
CALAFELL: Gerard Camps; Jero García, Sergi Miras, Aleix Marimon, Sergi Folguera (quinteto inicial), Jan Escala, Biel Romeu, Jepi Selva, Carles Domenech e Josep María Virgili (meta suplente).
DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Nil Cervera, Arnau Xaus, César Carballeira, Dava Torres (quinteto inicial), Jacobo Copa, Fabri Ciocale, Bruno Saavedra e Martín Rodríguez (meta suplente).
ÁRBITROS: Albert Barba e Oriol Garriga. Sen tarxetas.
GOLES: 0-1 (Dava Torres, min. 1). 0-2 (Bruno Saavedra, min. 15).
INCIDENCIAS: Xornada 21 da OK Liga 24/25, Fase Regular. Pavelló Joan Ortoll (Calafell).